26 de xan. de 2015

Condicións de participación no sorteo dunha entrada dobre para AC/DC


Para todos aqueles que estades interesados ou interesadas no concurso AC/DC que levaremos a cabo o venres, durante o Festival Solidario En Directo VII, facilitamosvos as condicións de participación pulsando nesta ligazón.

Facendo un breve resumo, o grupo participante no festival que máis votos reciba do público, será premiado con varias sesións de gravacións para a realización dun EP con temas propios.

Por outra banda, sortearase unha entrada dobre para o concerto de AC/DC en Madrid, o domingo 31 de maio (día no que os Locais de Ensaio cumpriremos 5 anos), entre as persoas asistentes ao #EnDirectoVII que depositen a súa papeleta de votación (debidamente cuberta, e confirmando a audición de, polo menos, tres dos grupos participantes) na furna disposta para tal fin no recibidor do auditorio do Centro Ágora, e que cumpran:

- Cubrir todos os campos da papeleta de votación, e redondear o nome dos 3 grupos cos que máis desfrutou da súa actuación.
- Depositar unha única papeleta de votación por asistente.

As papeletas de votación serán facilitadas ao público no momento do acceso ao auditorio, desde a apertura de portas até o transcurso da cuarta actuación (21.30 h. aproximadamente). Pola súa banda, a furna de votación estará aberta desde minutos antes da finalización da terceira actuación, e até 10 minutos despois da fin do festival. Finalmente, sorteo farase inmediatamente despois, no propio recibidor, e diante dos asistentes que queiran asistir ao proceso de extración da papeleta gañadora.

Moita sorte a tod@s!!
Share:

21 de xan. de 2015

VII Festival Solidario En Directo



A nova edición do Festival Solidario En Directo contará con 6 das bandas usuarias dos Locais de Ensaio máis activas nestes intres. O evento terá lugar no auditorio do Centro Ágora, o venres 30, e a primeira actuación comezará ás 19.30 h. (abriranse os accesos media hora antes).

- Breathing Loud son un grupo moi mozo co que pasaredes un bo rato.
- The Sonic Headlight debutarán neste festival coa súa proposta de Rock Alternativo.
- Tanit deixaron moi bo sabor de boca tanto no anterior festival, como no ciclo Coruña Sonora, coa súa visión alternativa da música.
- Say My Name estrearonse fai exactamente un ano, e desde aquela este grupo Pop non fixo máis que crecer.
- Us In The Mirror mostrarán a súa fluctuación entre o Rock Progresivo e o Jazz Fusión.
- Beards & Beers serán os encargados de pechar o festival cunha boa dose de Rock.

Ao festival accedese mediante invitación. As poderedes recoller (facilitaranse un máximo de 3 por persoa):

- No Centro Municipal de Información Xuvenil do Fórum Metropolitano, de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 h, e sábados de 11.00 a 14.00 h.
- Nos Locais de Ensaio (baixos do Coliséum) de luns a venres de 16.00 a 22.00 h, e sábados e domingos de 11.00 a 14.00 h.

(no caso de quedar invitacións, disporíamos delas no acceso ao auditorio do Centro Ágora, pola porta de abaixo, na tarde do festival)

E como sempre queremos ter un fin solidario, desta vez pedimos a doazóns dun mínimo de 3 latas de conservas a favor do Banco de Alimentos Rías Altas como apoio ao seu labor.

Ao igual que no V Festival En Directo, o público elixirá as súas actuacións favoritas, e o grupo con máis votos gravará un EP ao longo de 2015 no estudio de gravación dos Locais de Ensaio. Cada papeleta de votación debidamente cuberta optará ao sorteo presencial que se realizará xusto ao rematar o festival, e que terá como premio unha entrada dobre para o concerto que AC/DC darán en Madrid o 31 de maio (xusto ese día fará 5 anos dos primeiros ensaios nos Locais de Ensaio). A todas aquelas persoas interesadas no premio do sorteo (lembramosvos que as entradas esgotaronse en menos de 2 horas), recomendamoslles a lectura da entrada, neste mesmo blogue, que especificamente fala das condicións de participación do sorteo.

Poderás seguir todas as novidades deste evento nas contas de facebook e twitter dos Locais de Ensaio, e co hashtag #EnDirectoVII.


Imaxe sacada da rolda de prensa de presentación do festival
Share:

30 de out. de 2014

Obradoiro Silencio, Gravando (parte 1): Antes de entrar en estudio


Velaquí tedes a nosa proposta formativa do mes de novembro, un obradoiro para que decidades as mellores opcións no momento no que o voso grupo ten uns temas compostos e queredes gravalos, e como non perder tempo (ou diñeiro según o miredes) durante o proceso.

Falarase de:

- Cando gravar cun Home Studio, e cando nun estudio profesional.
- Como ensaiar coas maiores garantías, o uso de aillantes e defusores (mesmo como facelos ti), e como dispoñer o backline para que escoitedes mellor como soades como grupo.
- Preprodución musical: Creación de arranxos, definición de tempo, estructuras, ensaios, definir o son do grupo, execución individual, control da dinámica, e ensaios con metrónomo.
- Posta a punto do backline:
+ Baterías: Parches, baquetas, pratos, evitar ruidos do hardware, resonancias, ...
+ Guitarras, baixos e teclados: elección e cambio de cordas, afinación, coidados do cableado, uso de pedais, mantemento de potenciómetros, ...

Este obradoiro é o primeiro parte dunha serie de 2. O seguinte, tratará propiamente o momento da gravación.

O poñente elexido para este evento é Jose Puga, experimentado produtor e técnico de son que ten traballado con artistas tan diversos como Obús, Barón Rojo, Carlos Núñez, Donal Lunny, Rosa Cedrón, Mercedes Peón, B.B. King, Paquito de Rivera, Billy Hoffman, ... Ademais de fundador da empresa Mare, que conta con estudio de gravación, selo discográfico, axencia de management e produción integral de espectáculos. Forma parte da directiva de MMF Spain (Music Managers Forum), e ten organizado cursos e master classes con enxeñeiros e produtores internacionais como Bob Katz, Tony Platt, Phill Brown ou Gil Norton.

Desta vez, o obradoiro será no Centro Ágora, o venres 7 ás 19.00 h. Para asistir, deberás seguir os pasos que atoparás aquí, e mandarnos a túa solicitude antes do xoves 6 ás 21.00 h.
Share:

9 de out. de 2014

Obradoiro de xestión de redes sociais



Comezamos o semestre, e con él a acción formativa dos Locais. Desta vez será un obradoiro de xestión de redes sociais (ou como facer de Community Manager do xeito máis eficiente co teu grupo). Facilitamosvos os puntos que se tratarán nel:

Temario:
1.- Introducción ás redes sociais: novos contextos comunicativos
2.- A quen nos estamos a dirixir?: público obxectivo e potencial
3.- Deseño da estratexia, creación de contidos e xestión de comunidades
4.- Do local ao universal
5.- Ferramentas e aplicacións: programación e monitorización
6.- Conclusión: crise Vs oportunidade

Analise:
a) Estratexia de comunicación do Resurrection Fest
b) Casos de éxito/fracaso de artistas/bandas locais, estatais e internacionais

Caso práctico:
Opción 1: Creación dunha Fan Page
Opción 2: Analise de imaxe e xestión dunha Fan Page

(Recomendase acudir cun ordenador portátil, ou ben un dispositivo móbil)

A poñente deste evento será Alba Porral. Periodista especializada  en produción e xestión audiovisual, traballa actualmente como redactora web para laopinioncoruna.es, mais xa tivo experiencia no mundo musical, ao formar parte do departamento de prensa do Resurrection Fest desde a súa primeira edición (festival que nos seus 9 anos de vida ten logrado posicionarse entre os principais festivais de música alternativa grazas á labor dun gran equipo de profesionais que traballa durante todo o anopara superarse en cada edición). Alba tamén ten colaborado con outros proxectos musicais como coa Vargas Blues Band, Twenty Fighters ou Holywaters.

O obradoiro terá lugar o sábado 18, ás 17.00 h, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (rúa Matadoiro, 68). Para acceder, deberás seguir os pasos que atoparás aquí e mandar a solicitude antes do día 17 ás 21.00 h., momento a partires do que confirmaremos a asistencia.
Share:

2 de out. de 2014

Horarios outubro 2014/marzo 2015

Con data de 1 de outubro de 2014, tras o proceso de valoración de solicitudes recibidas para a quenda de outubro 2014/marzo 2015, aprobase a listaxe definitiva que se publica neste blogue. Tras a aprobación da listaxe definitiva procédese á selección e adxudicación de horarios aos grupos, seguindo os criterios establecidos no regulamento.


Share:

27 de set. de 2014

Crónica #EnDirectoVI


Onte desfrutamos dunha nova edición do noso festival solidario. Agardamos á pesaxe oficial da Cociña Económica para comunicárvola, pero agradecemos a gran cantidade de doazóns recibidas polas 360 persoas que se achegaron á Sala O Túnel.

Senectud Sideral encargaronse de soltar os primeiros acordes, sorprendendo aos que coñecían as versións de estudio dos seus temas con xiros máis progresivos.

Say My Name presentaban baixista, e vaia se o notamos. Non perdas comba, moita xente xa lles segue
(foto cortesía de Basti Soto)

Us In The Mirror debutaban no festival sentando as bases do seu son

Notase cando un grupo o pasa ben tocando, e Breathing Loud onte o pasaron xenial

Man City Blue seguen a crecer coma grupo

Tanit, no seu primeiro concerto como banda. Pero ollo, que van como un tiro e o 2º xa o teñen na Mardigras este xoves, dentro do I Circuito Coruña Sonora

Hooked (con baixista suplente por mor dunha lesión a unha semana vista do concerto) viaxaron polo lado máis punk do Rock Alternativo

A actitude Rock de Beards & Beers levou das ovacións máis grandes da noite

Non pode haber un festival En Directo sen After All. É así!. De feito, non fallaron nin unha edición!!

Presentaran nova vocalista a noite anterior, e subiron ao escenario co ritmo no corpo. The Ice Road

A The Aerial Root lles desexamos o mellor, xa que os seus integrantes levan con nós desde case o comezo, en bandas que ben coñecen este festival como Black Babylon, Carretera Comarcal, Dharmak ou The Zipper

A posta en escea de Hateout é como esta foto: Movida e con fogonazos. Gran colofón Metal ao festival
Share:

24 de set. de 2014

Listaxe provisional de admitidos para a quenda Outubro 2014- Marzo 2015

A continuación se publican as listaxes provisionais na solicitude de prazas para a quenda semestral que comezará o 1 de outubro.


Unha vez publicada a listaxe provisional, ábrese un prazo de 5 días hábiles, desde a publicación, para que os interesados podan presentar as alegacións que estimen convintes. Finalizado este prazo, publicarase a listaxe definitiva. Os grupos que constan con solicitudes incompretas poderán achegar a documentación requerida no horario de apertura dos Locais, poñendo como prazo límite o luns 29 ás 20.00 h. Os grupos excluidos poden porse en contacto cos Locais de Ensaio da Concellaría de Educación, Deportes e Xuventude no e-mail: locaisdensaio@gmail.com

Todos os grupos que finalmente resulten aptos estarán convocados á xuntanza de adxudación de horarios que terá lugar na Sala O Túnel do Coliséum o martes 30 ás 19.00 h. Nela, como é costume, iranse repartindo os 39 horarios de ensaio dispoñibeis segundo a orde estipulada no noso regulamento interno, e para decidir os horarios precisaremos un representante de cada un dos grupos (no caso de non contestar un grupo, este irá por orde para a listaxe de agarda).

Moitas sorte a tod@s!!.
Share:

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive