Amosando publicacións coa etiqueta formación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta formación. Amosar todas as publicacións

20 de xan. de 2012

Obradoiro de mantemento e customización de guitarras (e baixos!!)



Desta vez, a oferta formativa dos locais de ensaio tratará sobre os coidados básicos adicados aos vosos instrumentos. Contaremos coa colaboración do recoñecido luthier Toxo, quen ademais de facervos unhas demostracións in situ coa ferramenta propia do seu gremio, mostrarvos diversas guitarras, e facer diversas explicacións sobre a súa profesión, atenderá (e pensamos que esta é a parte importante do obradoiro) todas as vosas dúbidas sobre a materia.

Tal e como pon no cartaz, o evento comezará (coma sempre puntualmente) ás 11.00 h do día 28 deste mes, e terá lugar na Sala O Túnel do Coliséum. Para inscribirvos, só tedes que seguir estes sinxelos pasos. 
Share:

26 de nov. de 2011

Master Class de Miguel Lamas (Crónica)


Hoxe na Sala O Túnel, Miguel Lamas demostrou a enorme técnica que ten para isto de tocar a batería. Todos os alí presentes desfrutaron das súas explicacións e demostracións, e intentou que a Master Class fose o máis participativa posíbel (incluido o "momento concurso" no que Manuel, dos Rockers in Black acertou a pregunta e levou o premio).

E como xa se sabía, Octavio Vargas e Iago Mouriño apoiaron as súas explicacións ao baixo e ao teclado. Ao final do evento, todos os asistentes tiveron a oportunidade de probar os novos modelos SANTAFE Miguel Lamas Signature.

Share:

16 de nov. de 2011

Master Class de Miguel Lamas


Un mes máis, achegámosvos a nosa proposta didáctico-musical, e desta vez, toca adentrarse no mundo da batería, da man de Miguel Lamas. Este Fenés de tan só 18 anos tenvos preparado unha clase na que falará dos seguintes temas:

• Papel da batería dentro dunha banda.
• Desenrolo e compresión dun tema (tratándoo de diferentes xeitos e deténdonos nas diferentes partes) de cada estilo e concepto de FUSIÓN (rock, jazz, funk...)
• A batería como solista.
• Métricas Irregulares. Amalgamas.
• Presentacións das novas baterías SANTAFE Miguel Lamas Signature.

E para axudalo, contará co bo saber facer de Octavio Vargas (Baixo eléctrico) e Iago Mouriño (Teclados), para axudar ás súas explicacións do xeito máis natural: tocando!!.

O evento terá lugar o sábado 26 de novembro, ás 11.00 h na Sala O Túnel do Coliséum. Se queres asistir, só tes que te inscribir seguindo estes pasos.

Share:

22 de out. de 2011

Master Class de Marcos Pin (Crónica)


Nunca na vida tivéramos a tanta xente metida dentro dunha das nosas salas de ensaio, pero a ocasión o merecía. Marcos Pin demostrou que, ademais de ser un músico excepcional, sábese facer entender coma poucos neste mundillo e, de seguro, os 15 guitarristas (máis un baixista) asistentes sacaron cousas en claro, ademais de levarse deberes para casa.

Para o vindeiro mes témosvos preparado outro prato forte, pois virá Miguel Lamas, acompañado por Octavio Vargas e Iago Mouriño, a ofertarnos outra master class, esta vez sobre a batería dentro da música moderna. Estade atentos a este blogue, pois nas vindeiras semanas abriremos o prazo de inscrición.

Share:

5 de out. de 2011

Master Class de Marcos Pin


O día 22 temos axendada outra master class, neste caso de guitarra. Contaremos coa presenza de Marcos Pin, outro grande talento do noso país, que dividirá o evento en dúas partes tratando os seguintes temas:

* Primeira parte:
         - Desglose e desmitificación da armonía Pop-Rock.
         - Tríadas maiores, menores, aumentadas e diminuidas: uso común e enbelecemento en Funk-Blues.

* Segunda parte:
         - Escala "orixinal do Blues"
         - Desglose da escala "orixinal do Blues": Cells, acordes ("sweep").
         - Construcción de Riffs e Ostinatos.
         - Cómo practicar para obter os mellores resultados: sistemas e técnicas.

Non sabedes quen é Marcos Pin? Podedes ir á súa páxina web e coñecer máis sobre os seus estudos, proxectos, ...

A master class terá lugar na Sala O Túnel do Coliséum, ás 11.00 h., e coma sempre é de balde. Só tedes que vos inscribir seguindo estes pasos.


Share:

24 de set. de 2011

Obradoiro de edición e xestión de autores (crónica)


Hoxe pola mañá tivemos un obradoiro dos máis importantes que levamos ofertado en todo este tempo. Sergio Lago introduciunos en temas que os músicos (polo xeral) descoñecen, ademais de odialos, pero que a día de hoxe debido á necesidade de autoxestión da maioría dos proxectos musicais, son coñecementos moi necesarios, ainda que en certa medida obriguen aos propios músicos a saber certos procedementos legais que están moi lonxe do seu traballo coma músico.

Falouse (e moito) de como funciona o sistema de recadación de dereitos, das distintas opcións que ten un músico para protexer a súa obra, importancia dunha loxística dentro do grupo, ... e todos estes temas deron lugar a un coloquio entre todos os asistentes sobre a situación legal do músico.

O vindeiro mes contaremos coa presenza de Marcos Pin, que nos ofrecerá unha master class de guitarra moi recomendábel.

Share:

14 de set. de 2011

Obradoiro de edición e xestión de autores


Primeiro formades un grupo, compoñedes uns temas, reunides algúns cartos tocando en salas pequenas e bares e decidides gastar eses cartos en gravar nun estudio. E logo qué?

Da man da xente da editora Coruñesa Autoedita, aprenderedes todos os coñecementos precisos para xestionar e difundir, segundo as vosas necesidades, o voso traballo musical.

Este obradoiro permitiravos coñecer de primeira man as diferenzas que aportan os distintos formatos de edición tendo en conta o voso obxetivo, cómo distribuir o voso traballo, marco legal respecto a xestión de autores, licenzas e rexistro da propiedade intelectual, e (sobre todo!) que vos respondan ás (moitas) dúbidas que tedes ao respecto.

Terá lugar o sábado 24 de setembro, ás 11.00 h, na Sala O Túnel do Coliséum. Coma sempre, é de balde!, únicamente teredes que inscribirvos previamente (bulide a facelo, as prazas son limitadas!!).
Share:

27 de ago. de 2011

Master Class de Kin García



Rematou a oferta formativa dos locais de ensaio para este verao e, tal e como tiñamos planeado, foi cun prato forte: Master class de baixo a cargo de Kin García.

Os asistentes desfrutaron dos consellos do músico que, durante as 2 horas e media que durou o evento, guiounos para que lle saquen o máximo rendemento posíbel ás horas que dedican estudiando o instrumento.

Estade atentos a este blogue, pois nuns días darémosvos a coñecer a programación de obradoiros para este outono.

Share:

30 de xul. de 2011

obradoiro de videoclips (crónica)


Aproveitamos a mañá de hoxe para que Jairo Iglesias nos falara sobre o mundo dos videoclips. Falouse (e puxéronse exemplos) de como unha boa idea vale máis que un bo orzamento, e visionamos un feixe de videoclips (tanto do país coma do resto do mundo, as tres horas e media do evento deron para moito), buscándolles as cóxegas para saber que tiña cada traballo de bo (e/ou de malo :-p).

O vindeiro mes recibiremos a visita do gran Kin García, que nos ofrecerá unha masterclass de baixo eléctrico de primeira categoría.

Share:

6 de xul. de 2011

Obradoiro de Videoclips



O sábado día 30 temos programado un obradoiro do máis interesante. Tratará sobre o peculiar mundo dos vídeoclips e, para explicárvolo o mellor posíbel, contaremos coa xente de Pixelfilms.

Os puntos que se van tratar son os seguintes:

1. Análise de varios videoclips para saber até onde chega o profesional e até onde
o amateur.
2. Amateur ben feito versus profesional mal feito.
3. Tipos de formato de gravación. Escoller o mellor para a distribución e saída do
grupo.
4. Comunicación audiovisual básica. Tipos de plano. Ritmos. Efectos.
5. Trucos concretos para a rodaxe. Sincronización de vídeo. Trucaxe de velocidade
na música.
6. Tipos de montaxe e efectos visuais (trátase de análise de montaxe, non de clase de
montaxe).
7. O acabado final. Calidade. Compresión. Formatos.
8. Os vídeos na rede. Formas de distribución.

Este obradoiro terá lugar na Sala O Túnel do Coliséum da Coruña e, dada a extensión do temario, comezará ás 10.30 h.
Xa podes inscribirte seguindo estes sinxelos pasos.
Share:

26 de maio de 2011

Obradoiros de verán


Xa podes inscribirte nos obradoiros que temos preparados para os vindeiros meses!

O martes 21 de xuño, tes a posibilidade de ver paso a paso o proceso de gravación nun estudio musical, desde a colocación de micros até a masterización do tema. Para isto, usaremos todas as ferramentas dispoñibeis nos propios locais de ensaio. Bule a apuntarte, pois para que sexa o máis útil posíbel, este obradoiro ten prazas moi limitadas!!.

O 30 de xullo, poderás descubrir polo miúdo o mundo dos videoclips. Da man da xente de Pixelfilms, verás as diferenzas entre videos amateurs e profesionais, nocións de comunicación audiovisual, trucos para as rodaxes, formas de distribución, ...



E, xa para rematar o semestre, o 27 de agosto teremos a honra de recibirmos a visita de Kin García, virtuoso músico do país que ofrecerá unha máster class de baixo eléctrico que non deberías de perder.



Podes atopar toda a información de como inscribirte nestes obradoiros aquí.
Share:

21 de maio de 2011

Obradoiro de Scratching (Crónica)


Hoxe desfrutamos dunha divertida mañá no novo Espazo de Iniciativas Xuvenís, na que aínda por riba aprendemos as funcións, materiais a usar e técnicas dun DJ profesional.

Os alemáns Sonderskoolen e Whizcutz (quenes ademáis de este obradoiro aproveitaron o tempo na cidade para facer un par de concertos) ensináronnos a súa pericia cos 2 pratos, ofreceron un obradoiro introductorio ao mundo dos DJ´s, e mesmo deixaron que os asistentes se achegaran aos pratos e souberan de primeira man diferentes xeitos de facer mesturas e scratching.

Xa podedes atopar na sección de eventos a programación formativa dos locais de ensaio para os vindeiros 3 meses, e recorda que podes suxerir os obradoiros que che gustaría asistir en locaisdensaio@gmail.com.

Share:

4 de maio de 2011

Obradoiro de Scratching


Moita xente pensa que é fácil a tarefa dun DJ. Obviamente, non só están a pinchar cancións unha detrás doutras, senón que se teñen que concentrar e posuíren coñecementos de métrica musical, de tempo e de como poden manipular o son ou o ritmo dunha gravación facendo Scratching, Backspinning, beat-juggling, ...

Sonderskooler e Whizcutz son dous membros da DJ-Crew Cut´zN´Mouse (Mannheim, Alemaña) e conducirán este obradoiro en que explicarán os conceptos basicos do DJing parándose nas diversas técnicas de Scratching, ademais de nos presentaren as posibilidades que o universo dixital abre neste campo.

Sonderskooler é un versatil DJ que traballa na Vibra DJ School en Heidelberg, Alemaña, e adoita realizar obradoiros para xente de todas as idades e niveis musicais, ademais de actuar en concertos en directo; mentres que Whizcutz é un compositor, técnico de son e produtor inmerso nunha gran multitude de proxectos musicais, que o levan desde a tocar en directo cun grupo de Jazz electrónico até facer os seus propios remixes.

Este obradoiro está deseñado para calquera persoa interesada no tema, non tes que ser DJ para o aproveitares. Vai ter lugar o sábado 21, ás 11.00 h, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (rúa Matadoiro, 68, preto da Domus). E, como sempre, é de balde! Só tes que te inscribires.



Share:

30 de abr. de 2011

Obradoiro de canto (crónica)


Hoxe pola mañá contamos coa visita de Carmen Rey para falarnos de respiración, articulación, impostación, e demáis apartados da educación vocal.

Os asistentes, que literalmente enchían o escenario da Sala O Túnel, desfrutaron do xeito participativo co que Carmen impartiu a clase, que fixo que todos puideran achegarse ao micro e recibir unha serie de consellos para  mellorar as súas técnicas de canto.

O vindeiro mes adiantaremos para o día 21 o obradoiro, que tratará o curioso mundo do scratching.

                                                                fotos: Raúl G. Doldán
Share:

11 de abr. de 2011

Obradoiro de canto con Carmen Rey


Queda aberto o prazo de inscrición para o obradoiro que, este 30 de abril ás 11.00 h na Sala O Túnel, adicaremos á técnica de canto.

Impartido por Carmen Rey, unha das mellores voces do país quen, ademáis de ser profesora de canto, improvisación e linguaxe musical, ten varios proxecto musicais entre o que hai que destacar Carmen Rey Grupo, onde a atopamos ben arroupada por músicos da talla de Sergio Delgado, Miguel Cabana, Tito Calviño, ...

A aqueles que vos interese, mandade a inscrición o máis axiña posíbel, pois as prazas para este obradoiro son moi limitadas!! Como sempre, é de balde e terán prioridade para asistir os usuarios e usuarias dos locais de ensaio, ainda que de non cubrir todas as prazas podería asistir calquer cidadán.
Share:

2 de abr. de 2011

Obradoiro de contratación de músicos (Crónica)


Hoxe visitounos a Xunta Directiva ao completo da Asociación Músicos ao Vivo, que lles introduciu a todos e a todas os asistentes as cuestións que se ían tratar: Profesionalidade do/a músico, xeitos de xestionar o cobro do traballo como músico, asociacións de músicos, ...

O obradoiro foi participativo, o que fixo que a xente marchara do Coliséum coas dúbidas sobre o tema resoltas.

Para o vindeiro mes voltaremos con outro obradoiro, que tratará técnicas de canto. Estade atentos/as ao blogue, para cando se abra o periodo de inscricións.
Share:

23 de mar. de 2011

Temario do obradoiro


Para irdes abrindo boca, estes son os temas que se van tratar no obradoiro do día 2:

1.- Movemento asociativo en Galiza

- Historia. Outros movementos asociativos anteriores
- A asociación Músicos ao Vivo. Breve descrición, obxectivos e servizos. Necesidade de apoios
- O futuro destes movementos. Profesionalización

2.- Consideración legal dos músicos

- A actividade do músico: un traballo.
- Consideración de traballador/a por conta allea
        + Dereitos e Obrigas (Desemprego...)
- Responsabilidade nas obrigas fiscais e laborais: o/a Empresario/a
        + A consideración de Empresario/a
        + Obrigas
        + Subcontratación

3.- Contratación dos músicos

- A factura. Diferenza con outros documentos (recibí).
- Fórmulas para poder emitir factura:
        + Contratación por un terceiro (manager, productora, ...)
        + Formas societarias (C.B., S.L., S.A., ...)
        + Autónomos
        + Persoa física

- As cooperativas de músicos
        + Clases e funcionamento
        + Vantaxes para o músico
        + Vantaxes para o promotor

- Exemplos de factura
        + Salario
        + Gastos da actividade
        + S.S. (Tarifas 2011. Tramos)
        + IRPF
        + IVE (mecanismo para recuperalo)

- Outros documentos de interese
        + Contrato laboral (clausulas máis importantes)
        + Declaración de plantel


4.- Rolda de intervencións dos asistentes


A meirande parte destes conceptos explicaranse moi resumidos, de xeito que o obradoiro sexa o máis atractivo posíbel para as persoas asistentes. Resaltamos a importancia da rolda de intervencións, para que expoñades os vosos casos, ou as dúbidas que vos poidan xurdir sobre o tema.

E recordade que é de balde, as prazas son limitadas, e tedes que vos inscribir seguindo estes pasos. O periodo de inscrición rematará o venres 1, ás 20.00 h.
Share:

15 de mar. de 2011

Obradoiro de contratación de músicos


Hoxe abrimos o prazo de inscrición do obradoiro mensual dos locais. Tratará un tema tan importante como descoñecido: a consideración legal do/a músico.

Desde os locais de ensaio, damos moita importancia a que os grupos poidades ter os coñecementos precisos neste tipo de temas, que axudan á autoxestión dos vosos proxectos musicais, tomando consciencia dos dereitos que vos pertencen ao tocardes nun evento público e a que sexades capaces de conseguirdes a meirande rendibilidade posíbel.

Para impartir este obradoiro do xeito máis claro e práctico posíbel, contaremos cos/as membros da Asociación Músicos ao Vivo, que van estar connosco o vindeiro 2 de abril, ás 11.00 h na Sala O Túnel.  E, coma sempre ... é de balde, con prazas limitadas até completar aforo, e terán preferencia os usuarios e usuarias dos locais (ainda que animamos a todas e todos os músicos interesados a asistiren!!). Para inscribirte, segue os pasos que podes atopar aquí.
Share:

11 de mar. de 2011

Detrás da canción


Como se compón unha canción de pop? Como se poden aproveitar as novas tecnoloxías para gravala e compartila co resto do mundo? A estas cuestións intenta responder a actividade 'Detrás da canción', na que integrantes dos grupos de pop galego Projecto Mourente e The Homens dan a coñecer a trastenda do proceso creativo.

‘Detrás da canción’ pretende, por unha parte, demostrar que compoñer cancións e plasmalas é algo doado e que calquera pode facer cunha mínima calidade; e, por outra, mostrar como o galego é un idioma tan válido coma calquera outro para a expresión musical de masas.

Día: 18 de marzo de 2011

18.00 h - Obradoiro de creación musical, dirixido a rapaces/as de 14 a 30 anos, que terá lugar no telecentro da biblioteca González Garcés.
As inscricións poden realizarse na web http://www.detrasdacancion.info/ (capacidade limitada).

20.00 h - Concerto acústico no Auditorio do Fórum. Entrada de balde, até completar a capacidade.



Share:

14 de feb. de 2011

Obradoiro de posta en escena para músicos



Este mes, temos un obradoiro do máis interesante. Tratará os xeitos de moverse enriba dun escenario, complementando o que nese momento esteades a cantar ou tocar, co fin de que chegue ao público unha mensaxe máis clara do que queredes transmitir.

E como condutor do obradoiro estará Sergio Zearreta, coñecido pola súa faceta de actor (tanto en teatro como en cine ou televisión), e tamén por ser o cantante da banda Ourensá Lamatumbá.

Coma sempre, este obradoiro é de balde: só fai falla roupa cómoda, gañas de soltarse e de aprender. Pódese inscribir calquera mais terán prioridade os usuarios e usuarias dos locais de ensaio (prazas limitadas!!).
O obradoiro terá lugar o día 26 deste mes, ás 11.00h, na Sala O Túnel.
Tedes até o día 25 ás 20.00 h para enviardes por correo electrónico a inscrición que podedes atopar aquí.
Share:

Incrición obradoiros ou masterclasses

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive