Amosando publicacións coa etiqueta concellaría de mocidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta concellaría de mocidade. Amosar todas as publicacións

16 de abr. de 2012

Un domingo calquera...


Onte era un día especial na Coruña. Con ambiente de derby, os que quedaron na cidade poideron desfrutar (e incluso participar) da primeira marathon oficial por este recuncho da peninsula. E 4 dos grupos usuarios dos locais (Shinnen, Warning!, Man City Blue e After All) quixeron colaborar coa súa música, ambientando, e animando, o percorrido mentres os corredores daban o mellor que tiñan.


Era un pouco cedo para o Rock (desde as 10.00 h), mais os que se achegaron aos dous escenario levaron unha boa ración de adrenalina para o resto do día.


Unha mañá de domingo diferente, onde a música e o deporte foron da man, e un etíope (Asfaw Tewodroj) gañou cun tempo de 2h 19' 47".

Share:

17 de xuño de 2011

II FESTIVAL ENCHUFADOS!


A vindeira semana terá lugar na Sala O Túnel do Coliséum a segunda edición do festival Enchufados!, con grupos usuarios dos locais de ensaio. Nesta ocasión contamos con 8 grupos que quixeron formares parte do evento, e mostrar o traballo que durante meses levan pulindo nos locais.

Teremos para todos os gustos: desde propostas que se achegan ao Rock máis clásico, até diversas vertentes do Metal, pasando por grupos de estilo Punk.

Os concertos comezarán ás 20.00 h (apertura de portas media hora antes), e para asistir só é preciso conseguir o convite que poderás atopar a vindeira semana no despacho de billetes da Praza de Ourense, no centro municipal de información xuvenil do Parque Europa, ou nos mesmos locais de ensaio. Estade atentos a este mesmo blogue, pois faremos unha actualización no momento no que os convites estén nos puntos de recollida.
Share:

8 de xuño de 2011

VOLUME 1


Desde hoxe podedes facervos coa primeira escolma de temas gravados no estudio dos locais de ensaio polos grupos usuarios. Son 7 cancións que abranguen desde o Folk de Con Canto Donaire, até os diversos paos do Metal de Cygnus, Avézar e Devastating Defeat, pasando polo Punk-Rock de Venus on Fire o Hard-Rock de Drinking zaps (de agora en diante Dharmak), ou a proposta máis calmada por parte de Almakoa.

Xa podes recoller de balde a túa copia no Centro Municipal de Información Xuvenil do Fórum Metropolitano, ou nos mesmos locais de ensaio.

Aproveitamos a ocasión tamén para comunicarvos que podedes atopar as cancións que se gravan nos locais en myspace.com/locaisdensaiomocidade .
Share:

26 de maio de 2011

Obradoiros de verán


Xa podes inscribirte nos obradoiros que temos preparados para os vindeiros meses!

O martes 21 de xuño, tes a posibilidade de ver paso a paso o proceso de gravación nun estudio musical, desde a colocación de micros até a masterización do tema. Para isto, usaremos todas as ferramentas dispoñibeis nos propios locais de ensaio. Bule a apuntarte, pois para que sexa o máis útil posíbel, este obradoiro ten prazas moi limitadas!!.

O 30 de xullo, poderás descubrir polo miúdo o mundo dos videoclips. Da man da xente de Pixelfilms, verás as diferenzas entre videos amateurs e profesionais, nocións de comunicación audiovisual, trucos para as rodaxes, formas de distribución, ...



E, xa para rematar o semestre, o 27 de agosto teremos a honra de recibirmos a visita de Kin García, virtuoso músico do país que ofrecerá unha máster class de baixo eléctrico que non deberías de perder.



Podes atopar toda a información de como inscribirte nestes obradoiros aquí.
Share:

21 de maio de 2011

Obradoiro de Scratching (Crónica)


Hoxe desfrutamos dunha divertida mañá no novo Espazo de Iniciativas Xuvenís, na que aínda por riba aprendemos as funcións, materiais a usar e técnicas dun DJ profesional.

Os alemáns Sonderskoolen e Whizcutz (quenes ademáis de este obradoiro aproveitaron o tempo na cidade para facer un par de concertos) ensináronnos a súa pericia cos 2 pratos, ofreceron un obradoiro introductorio ao mundo dos DJ´s, e mesmo deixaron que os asistentes se achegaran aos pratos e souberan de primeira man diferentes xeitos de facer mesturas e scratching.

Xa podedes atopar na sección de eventos a programación formativa dos locais de ensaio para os vindeiros 3 meses, e recorda que podes suxerir os obradoiros que che gustaría asistir en locaisdensaio@gmail.com.

Share:

4 de maio de 2011

Obradoiro de Scratching


Moita xente pensa que é fácil a tarefa dun DJ. Obviamente, non só están a pinchar cancións unha detrás doutras, senón que se teñen que concentrar e posuíren coñecementos de métrica musical, de tempo e de como poden manipular o son ou o ritmo dunha gravación facendo Scratching, Backspinning, beat-juggling, ...

Sonderskooler e Whizcutz son dous membros da DJ-Crew Cut´zN´Mouse (Mannheim, Alemaña) e conducirán este obradoiro en que explicarán os conceptos basicos do DJing parándose nas diversas técnicas de Scratching, ademais de nos presentaren as posibilidades que o universo dixital abre neste campo.

Sonderskooler é un versatil DJ que traballa na Vibra DJ School en Heidelberg, Alemaña, e adoita realizar obradoiros para xente de todas as idades e niveis musicais, ademais de actuar en concertos en directo; mentres que Whizcutz é un compositor, técnico de son e produtor inmerso nunha gran multitude de proxectos musicais, que o levan desde a tocar en directo cun grupo de Jazz electrónico até facer os seus propios remixes.

Este obradoiro está deseñado para calquera persoa interesada no tema, non tes que ser DJ para o aproveitares. Vai ter lugar o sábado 21, ás 11.00 h, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (rúa Matadoiro, 68, preto da Domus). E, como sempre, é de balde! Só tes que te inscribires.



Share:

30 de abr. de 2011

Obradoiro de canto (crónica)


Hoxe pola mañá contamos coa visita de Carmen Rey para falarnos de respiración, articulación, impostación, e demáis apartados da educación vocal.

Os asistentes, que literalmente enchían o escenario da Sala O Túnel, desfrutaron do xeito participativo co que Carmen impartiu a clase, que fixo que todos puideran achegarse ao micro e recibir unha serie de consellos para  mellorar as súas técnicas de canto.

O vindeiro mes adiantaremos para o día 21 o obradoiro, que tratará o curioso mundo do scratching.

                                                                fotos: Raúl G. Doldán
Share:

11 de abr. de 2011

Obradoiro de canto con Carmen Rey


Queda aberto o prazo de inscrición para o obradoiro que, este 30 de abril ás 11.00 h na Sala O Túnel, adicaremos á técnica de canto.

Impartido por Carmen Rey, unha das mellores voces do país quen, ademáis de ser profesora de canto, improvisación e linguaxe musical, ten varios proxecto musicais entre o que hai que destacar Carmen Rey Grupo, onde a atopamos ben arroupada por músicos da talla de Sergio Delgado, Miguel Cabana, Tito Calviño, ...

A aqueles que vos interese, mandade a inscrición o máis axiña posíbel, pois as prazas para este obradoiro son moi limitadas!! Como sempre, é de balde e terán prioridade para asistir os usuarios e usuarias dos locais de ensaio, ainda que de non cubrir todas as prazas podería asistir calquer cidadán.
Share:

4 de abr. de 2011

Os da Troula e Cygnus no Achegarte


Onte, dous dos grupos que ensaian nos locais puxeron da súa parte nesa gran mostra da cultura que facemos neste recunchiño do planeta, o Achegarte. É de agradecer que a Concellaría de Cultura nos deixase formar parte da "festa" e compartir escenario con xente que leva anos debaixo dos focos como Luar na Lubre, Silvia Penide e un amplo etcétera.

Comezaron Os da Troula, mostrando a súa visión da música tradicional galega; festeiros e con ganas de divertiren o público asistente (cousa que conseguiron).

E, seguidamente, os Cygnus subiron ao escenario, sen tempo nin para proba de son e, xa desde os primeiros compases, demostraronlles ás persoas asistentes o poderoso do seu son.

Ambos os grupos deixaron o público con ganas de máis (que insistía pedindo algún bis) mais para iso cumprirá estarmos atentos e atentas aos vindeiros concertos que estes grupos dean.

Share:

2 de abr. de 2011

Obradoiro de contratación de músicos (Crónica)


Hoxe visitounos a Xunta Directiva ao completo da Asociación Músicos ao Vivo, que lles introduciu a todos e a todas os asistentes as cuestións que se ían tratar: Profesionalidade do/a músico, xeitos de xestionar o cobro do traballo como músico, asociacións de músicos, ...

O obradoiro foi participativo, o que fixo que a xente marchara do Coliséum coas dúbidas sobre o tema resoltas.

Para o vindeiro mes voltaremos con outro obradoiro, que tratará técnicas de canto. Estade atentos/as ao blogue, para cando se abra o periodo de inscricións.
Share:

1 de abr. de 2011

Achegarte!


Este fin de semana terá lugar no Palexco o Achegarte, feira cultural onde teñen cabida todo tipo de artes: AudiovisualLiteratura, TeatroMúsica, ... e actividades como Obradoiros, Charlas, ...   

Desde os locais de ensaio tamén poñemos a nosa pedriña, e os dous grupos de música instrumental que temos neste momento ensaiando aquí (Os da Troula e Cygnus) estarán no escenario o domingo a partir das 16.30 h.

Ah!, como se pode ver no cartaz... É de balde!!
Share:

23 de mar. de 2011

Temario do obradoiro


Para irdes abrindo boca, estes son os temas que se van tratar no obradoiro do día 2:

1.- Movemento asociativo en Galiza

- Historia. Outros movementos asociativos anteriores
- A asociación Músicos ao Vivo. Breve descrición, obxectivos e servizos. Necesidade de apoios
- O futuro destes movementos. Profesionalización

2.- Consideración legal dos músicos

- A actividade do músico: un traballo.
- Consideración de traballador/a por conta allea
        + Dereitos e Obrigas (Desemprego...)
- Responsabilidade nas obrigas fiscais e laborais: o/a Empresario/a
        + A consideración de Empresario/a
        + Obrigas
        + Subcontratación

3.- Contratación dos músicos

- A factura. Diferenza con outros documentos (recibí).
- Fórmulas para poder emitir factura:
        + Contratación por un terceiro (manager, productora, ...)
        + Formas societarias (C.B., S.L., S.A., ...)
        + Autónomos
        + Persoa física

- As cooperativas de músicos
        + Clases e funcionamento
        + Vantaxes para o músico
        + Vantaxes para o promotor

- Exemplos de factura
        + Salario
        + Gastos da actividade
        + S.S. (Tarifas 2011. Tramos)
        + IRPF
        + IVE (mecanismo para recuperalo)

- Outros documentos de interese
        + Contrato laboral (clausulas máis importantes)
        + Declaración de plantel


4.- Rolda de intervencións dos asistentes


A meirande parte destes conceptos explicaranse moi resumidos, de xeito que o obradoiro sexa o máis atractivo posíbel para as persoas asistentes. Resaltamos a importancia da rolda de intervencións, para que expoñades os vosos casos, ou as dúbidas que vos poidan xurdir sobre o tema.

E recordade que é de balde, as prazas son limitadas, e tedes que vos inscribir seguindo estes pasos. O periodo de inscrición rematará o venres 1, ás 20.00 h.
Share:

15 de mar. de 2011

Obradoiro de contratación de músicos


Hoxe abrimos o prazo de inscrición do obradoiro mensual dos locais. Tratará un tema tan importante como descoñecido: a consideración legal do/a músico.

Desde os locais de ensaio, damos moita importancia a que os grupos poidades ter os coñecementos precisos neste tipo de temas, que axudan á autoxestión dos vosos proxectos musicais, tomando consciencia dos dereitos que vos pertencen ao tocardes nun evento público e a que sexades capaces de conseguirdes a meirande rendibilidade posíbel.

Para impartir este obradoiro do xeito máis claro e práctico posíbel, contaremos cos/as membros da Asociación Músicos ao Vivo, que van estar connosco o vindeiro 2 de abril, ás 11.00 h na Sala O Túnel.  E, coma sempre ... é de balde, con prazas limitadas até completar aforo, e terán preferencia os usuarios e usuarias dos locais (ainda que animamos a todas e todos os músicos interesados a asistiren!!). Para inscribirte, segue os pasos que podes atopar aquí.
Share:

19 de feb. de 2011

SORTE!!


Este luns, día 21, convocamos a un/unha representante de cada un dos grupos que solicitaron praza no periodo estabelecido para escoller horario de ensaio para a quenda semestral que comezará 7 días despois. Así pois, requerimos a presenza de:

- Incineración.
- LS Delorean.
- Head Diamonds.
- Dubra.
- Bad Road.
- Light Emitting Diode.
- Sen determinar.
- Jamakuko.
- Geody.
- After All.
- Muertos Vivientes O Infectados.
- Almakoa.
- Cygnus.
- Drinking Zaps.
- Warning!.
- Arquitects of Destruction.
- Avézar.
- Carretera Comarcal.
- Löl.
- Venus on Fire.
- Adrián López Bellas.
- The Zipper.
- Fouce.
- Distrito 81.
- Extretxez Demente.
- Sunshine Revolution.
- Devastating Defeat.
- Los Otros.
- Savage Utopia.
- Os da Troula.
- Caminos Cruzados.

Os grupos que presentaron a solicitude a partir do 15 de febreiro  forman a listaxe de agarda e, cando queden ocos baleiros no horario dos locais de ensaio, contactarase con eles. Animamos a todos os grupos que cumpran  os requisitos a presentaren a solicitude no CMIX do Parque Europa o máis axiña posíbel, ou contactaren connosco en locaisdensaio@gmail.com
Share:

14 de feb. de 2011

Obradoiro de posta en escena para músicos



Este mes, temos un obradoiro do máis interesante. Tratará os xeitos de moverse enriba dun escenario, complementando o que nese momento esteades a cantar ou tocar, co fin de que chegue ao público unha mensaxe máis clara do que queredes transmitir.

E como condutor do obradoiro estará Sergio Zearreta, coñecido pola súa faceta de actor (tanto en teatro como en cine ou televisión), e tamén por ser o cantante da banda Ourensá Lamatumbá.

Coma sempre, este obradoiro é de balde: só fai falla roupa cómoda, gañas de soltarse e de aprender. Pódese inscribir calquera mais terán prioridade os usuarios e usuarias dos locais de ensaio (prazas limitadas!!).
O obradoiro terá lugar o día 26 deste mes, ás 11.00h, na Sala O Túnel.
Tedes até o día 25 ás 20.00 h para enviardes por correo electrónico a inscrición que podedes atopar aquí.
Share:

31 de xan. de 2011

Aberto o prazo de recollida de solicitudes para a quenda de marzo a agosto


Hoxe luns 31 de xaneiro ábrese o prazo para presentar toda a documentación requirida para poder optar a participar na quenda de marzo-agosto dos locais:
  • Solicitude debidamente cuberta.
  • Fotocopia dos DNI de todos/as os/as compoñentes do grupo.
  • Certificado de empadroamento de 2011 ou matrícula escolar do curso 2010/2011 de, cando menos, a metade do grupo.
  • Permiso paterno/materno/do titor ou titora legal de todas as persoas menores de idade.
Os modelos de solicitude e permiso a menores atoparédelos aquí, ao igual que o regulamento a seguir.
Os únicos grupos exentos de facer esta solicitude son os que nestes intres compoñen a listaxe de agarda.

Tedes até o luns 14 de febreiro para achegardes toda a documentación requirida ao Centro Municipal de Información Xuvenil (Fórum Metropolitano: rúa Río Monelos, 1).

Horario CMIX: Luns a venres de 10.00 h a 14.00 h e de 17.00 h a 20.00 h. Sábado de 11.00 h a 14.00 h.

Share:

29 de xan. de 2011

Masterclass de Xulio Vázquez



Hoxe tocou aprender un pouco sobre o mundo da batería. Da man de Xulio Vázquez, bateristas (tanto experimentados como noveis) aproveitaron esta mañá do sábado para se achegaren á sala O Túnel aprender, comentar e debater sobre os distintos xeitos do seu uso no contorno pop/rock/metal.

Recordámosvos que os obradoiros dos locais de ensaio son de balde e, polo xeral, teñen lugar o último sábado de cada mes. Estade atentos e atentas a este blogue, pois temos algún cambio, que confirmaremos nas vindeiras semanas, na programación de febreiro. Imos tratar un tema que lle pode interesar a case calquera persoa que toque nun grupo!!.
Share:

24 de xan. de 2011

Cambios no regulamento


Xa podedes botarlle un ollo ao novo regulamento dos locais. O único que tedes que facer para consultalo é ir a este enderezo.
Share:

19 de xan. de 2011

Masterclass de batería


Abrimos o periodo de inscrición para a masterclass de batería do día 29, na sala O Túnel, ás 11.00h.

Será impartida por Xulio Vázquez, coñecido baterista da escena coruñesa porque tocau en grupos como Meninh@s da rúa, Banda Potemkin, Sevigny, ... e abordará os seguintes temas:

-          Corrección postural.
-          Técnica de Caixa: rudimentos básicos.
-          O tempo: como manexar un metrónomo.
-          Uso de apagadores e outras ferramentas que axudan a definir o son da batería.
-          Configuración do equipo segundo o estilo.
-          Como afinar unha batería?
-          Composición: cal é o rol do baterista no contorno pop-rock?

Coma sempre, as prazas son limitadas e terán preferencia os/as usuarios/as dos locais de ensaio. Podes cubrir a túa inscrición desde aquí e, de ter algún problema ao mandala, segue os pasos que se indican na páxina "Como inscribirse nos obradoiros?"
Share:

12 de xan. de 2011

CON CANTO DONAIRE



Hoxe comezamos a mostrarvos algúns dos grupos que ensaian nos locais, e comezamos polos que tiveron a honra de seren os primeiros en gravar no noso estudo:

Con Canto Donaire é unha proposta musical que inicia o grupo de pandereteiras Donaire tratando de dar unha visión persoal e actualizada da música tradicional que levan anos interpretando. Estas seis rapazas que proveñen das Mariñas e a Mariña lucense, conflúen na Coruña cun interese común de grande peso: a nosa música de raíz. Dende o seu inicio foron dirixidas por Olga Kirk e actuaron en escearios moi diversos onde alcanzaron numerosísimos premios en todos os festivais e concursos do país, o cal lles levou a cantar por toda a xeografía galega.

Participaron ademais na gravación de dous CDs, Cantos vellos para rapaces novos (2001) e Dálle donaire ao corpo (2006).

Nesta nova andaina estas seis mulleres intentan encaixar dende as raíces da tradición, as súas diferentes tesituras vocais, gustos musicais i experiencias vitais, como se se tratase das pezas dun puzle, para chegar a variados resultados estético-musicais en cada peza.

Para poder expresar a súa inquietude contarán coa axuda de:

Gutier Álvarez: zanfona e programacións
Pablo Díaz: clarinete e percusións
Pablo Aller: guitarra
Ismael García: percusións e gaita
Natalia Pérez: percusións

Elas son:

Helga Vázquez R.
Iria Penabad
Graciela Carral
Rocío Carral
Olga Kirk
Lucía Vázquez Q.

Share:

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive