13 de abr. de 2015

Listaxe provisional de admitidos para a quenda abril-outubro 2015

A continuación se publican as listaxes provisionais na solicitude de prazas para a quenda semestral que comezará o 27 de abril.


Unha vez publicada a listaxe provisional, abrese un prazo de 5 días hábiles, desde a publicación, para que os interesados podan presentar as alegacións que estimen convintes. Finalizado este prazo, publicarase a listaxe definitiva. Os grupos que consten con solicitudes incompretas, poderán achegar a documentación requerida nos rexistros municipais en horario de 08.00 a 14.00 h de luns a venres (agás o de Mesoiro, que abre ás 09.00 h), ou o sábado 18, de 09.00 a 13.00 h, nos rexistros de María Pita e Fórum Metropolitano. Esta documentación tamén se poderá entregar telematicamente a través da sede electrónica. O prazo rematará, en ambos os casos, o sábado 18 ás 13.00 h.

Os grupos que, tendo presentada a súa solicitude en prazo, e non aparezan aptos nesta listaxe, poderán porse en contacto cos Locais de Ensaio da Concellaría de Educación, Deportes e Xuventude no e-mail: locaisdensaio@gmail.com

Todos os grupos que finalmente resulten aptos estarán convocados á xuntanza de adxudicación de horarios . Nela, como é costume, iranse repartindo todos os horarios dispoñibeis segundo a orde estipulada no noso regulamento interno, precisando un representante de cada grupo (no caso de non respostar no momento en que lle toque, ese grupo irá por orde para a listaxe de agarda).
Share:

10 de abr. de 2015

Animación IV Coruña42


O vindeiro día 19 tocará madrugar para desfrutar do ambiente que se crea co Maratón Atlántica Coruña42. Desde os Locais de Ensaio, e como en anteriores edicións, apoiamos o evento con 6 grupos usuarios que quixeron formar parte da festa, e mostrar (tanto a corredores como á cidadanía) do que son capaces. Habilitaranse 2 escenarios para estes grupos: Casa Sol, con vistas á praia do Orzán, e en Ramón y Cajal (a uns 20 metros da entrada do Centro Comercial de Catro Camiños).

Presentamosvos aos grupos:

The Sonic Headlight: Banda de Rock Alternativo con temas propios en inglés, e influenciados por bandas desde Muse ou Radiohead até Artic Monkeys ou Black Keys.

The Sonic Headlight tocarán ás 08.30 h. no escenario de Catro Camiños

Say My Name: Grupo de Pop inglés, que formaron parte na final do Noroeste Pop-Rock 2014, e foron seleccionados para o circuito Coruña Sonora. Actualmente, se atopan finalizando o seu segundo EP.

Say My Name tocarán ás 09.30 h. no escenario de Catro Camiños

Us in the Mirror: Cada membro é unha liña do pentagrama sobre o que escriben a súa música, para buscar un estilo único e coa forte intención de transmitir todo no que cren.

Us in the Mirror tocarán ás 09.10 h. no escenario de Casa Sol

Avézar: Grupo de Rock/Metal formado entre amigos nos Locais de Ensaio do barrio de Monte Alto

Avézar tocarán ás 10.10 h. no escenario de Casa Sol

Almakoa: Grupo creado a partires de amigos desde a infancia. As súas raíces xurden a partires das quedadas na praia onde a inspiración viña soa tras sesións de surf.

Almakoa tocarán ás 11.10 h. no escenario de Casa Sol

Beards & Beers: Grupos de Rock & Roll do malo (según eles!!) buscando facerse un oco no panorama.

Beards & Beers tocarán ás 12.10 h. no escenario de Casa Sol

Poderedes apoiar a todos estes grupos, tanto asistindo aos seus concertos, como por twitter co hashtag #AnimaciónCoruna42locaisdensaio (un chío por día) desde o domingo 19 ás 08.00 h até o domingo 26 ás 23.59 h. O premio da animación está en xogo :)
Share:

1 de abr. de 2015

Novo periodo de inscrición para a quenda semestral abril-outubro 2015


Abrese o periodo de inscrición para optar a ensaiar nos Locais de Ensaio da Concellaría de Xuventude durante o vindeiro semestre. O xeito de se inscribir modificase, poidendo entregar toda a documentación requerida, ben nos rexistros xerais (Palacio Municipal de María Pita, Fórum Metropolitano, Centro Ágora, Cidade Deportiva de Riazor e o Centro Cívico de Mesoiro*) en horario de 08.00 a 14.00 h., ben telematicamente desde a sede electrónica do Concello. As inscricións deberán constar de:

- Solicitude de inscrición debidamente cuberta.
- Voante de empadroamento, ou resgardo de matrícula do centro educativo, de, cando menos, a metade dos/as compoñentes do grupo.
- Fotocopia do DNI de cada membro do grupo.

No caso de que as persoas solicitantes sexan menores de idade:
- Fotocopia do DNI da persoa que firme o permiso paterno/materno, ou do titor ou da titora.

Lembramosvos os requisitos para acceder aos ensaios:

- Cando menos, a metade do grupo ten que ser menor de 30 anos.
- Cando menos, a metade do grupo debe certificar vivir na Coruña, ou cursar estudos nun centro educativo do Concello.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 10 de abril.

Os únicos grupos exentos de presentar a solicitude son os grupos que actualmente conforman a listaxe de agarda, ao presentala para ensaiar na quenda que agora remata, e non atopar opcións de ensaio validas para o grupo durante este tempo.

Os novos horarios darán comezo o 27 de abril. O día 13 de abril emitirase unha listaxe provisional de admitidos, convocando a eses grupos (mediante os enderezos de e-mail facilitados na solicitude) á xuntanza de adxudicación dos novos horarios.

Bases da convocatoria de solicitude de uso dos Locais de Ensaio.

* O horario do rexistro municipal de Mesoiro é de 09.00 a 14.00 h.
Share:

2 de feb. de 2015

Festival Solidario En Directo VII (Crónica)

Foi unha tarde chuviosa de inverno, pero a xente que se achegou ao Centro Ágora o venres esqueceuno namáis sentaren nas butacas do auditorio. É que os 6 grupos actuaron como unha estufa xigante, e deron motivos para apraudir e desfrutar durante as 4 horas de música que tivemos.

Breathing Loud abriron o festival mostrando a súa bipolaridade nun repertorio que mesturou momentos sensibeis con outros máis enérxicos.

The Sonic Headlight durante o seu debut. 
Se che gusta o Rock Alternativo con tintes brit, xa tes grupo na cidade para seguir.

Tanit están nunha época moi doce. 
Contundentes en directo, e prolíficos nas súas composicións, van atopando seu oco pouco a pouco.

A de Say My Name é a victoria de facer as cousas ben: a fogo lento, e con talento e seriedade.

Us In The Mirror tiraron de repertorio clásico, pero para nada manido.

E remataron Beards & Beers... na historia dos Locais non houbo un grupo que fixera tan amenos os paróns entre canción e canción, contaxian seu bo roio!!.

Desde a organización, quixeramos voltar a agradecer o apoio da xente que se achegou, e que fixo que os voluntarios do Banco de Alimentos Rías Altas apañaran máis de 700 latas de conservas para repartir entre os máis necesitados. Tamén, gabar o labor dos grupos participantes, e as facilidades que deron para que todo saíra á perfección, ao igual que os operarios do Centro Ágora.

Respecto aos concursos que tiñamos en liza, as entradas de AC/DC xa teñen dono (chamase Gonzalo), e o grupo que máis votos recibíu, e que lle da opción de gravar un EP no estudio dos Locais é, novamente, Say My Name.
Share:

26 de xan. de 2015

Condicións de participación no sorteo dunha entrada dobre para AC/DC


Para todos aqueles que estades interesados ou interesadas no concurso AC/DC que levaremos a cabo o venres, durante o Festival Solidario En Directo VII, facilitamosvos as condicións de participación pulsando nesta ligazón.

Facendo un breve resumo, o grupo participante no festival que máis votos reciba do público, será premiado con varias sesións de gravacións para a realización dun EP con temas propios.

Por outra banda, sortearase unha entrada dobre para o concerto de AC/DC en Madrid, o domingo 31 de maio (día no que os Locais de Ensaio cumpriremos 5 anos), entre as persoas asistentes ao #EnDirectoVII que depositen a súa papeleta de votación (debidamente cuberta, e confirmando a audición de, polo menos, tres dos grupos participantes) na furna disposta para tal fin no recibidor do auditorio do Centro Ágora, e que cumpran:

- Cubrir todos os campos da papeleta de votación, e redondear o nome dos 3 grupos cos que máis desfrutou da súa actuación.
- Depositar unha única papeleta de votación por asistente.

As papeletas de votación serán facilitadas ao público no momento do acceso ao auditorio, desde a apertura de portas até o transcurso da cuarta actuación (21.30 h. aproximadamente). Pola súa banda, a furna de votación estará aberta desde minutos antes da finalización da terceira actuación, e até 10 minutos despois da fin do festival. Finalmente, sorteo farase inmediatamente despois, no propio recibidor, e diante dos asistentes que queiran asistir ao proceso de extración da papeleta gañadora.

Moita sorte a tod@s!!
Share:

21 de xan. de 2015

VII Festival Solidario En Directo



A nova edición do Festival Solidario En Directo contará con 6 das bandas usuarias dos Locais de Ensaio máis activas nestes intres. O evento terá lugar no auditorio do Centro Ágora, o venres 30, e a primeira actuación comezará ás 19.30 h. (abriranse os accesos media hora antes).

- Breathing Loud son un grupo moi mozo co que pasaredes un bo rato.
- The Sonic Headlight debutarán neste festival coa súa proposta de Rock Alternativo.
- Tanit deixaron moi bo sabor de boca tanto no anterior festival, como no ciclo Coruña Sonora, coa súa visión alternativa da música.
- Say My Name estrearonse fai exactamente un ano, e desde aquela este grupo Pop non fixo máis que crecer.
- Us In The Mirror mostrarán a súa fluctuación entre o Rock Progresivo e o Jazz Fusión.
- Beards & Beers serán os encargados de pechar o festival cunha boa dose de Rock.

Ao festival accedese mediante invitación. As poderedes recoller (facilitaranse un máximo de 3 por persoa):

- No Centro Municipal de Información Xuvenil do Fórum Metropolitano, de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 h, e sábados de 11.00 a 14.00 h.
- Nos Locais de Ensaio (baixos do Coliséum) de luns a venres de 16.00 a 22.00 h, e sábados e domingos de 11.00 a 14.00 h.

(no caso de quedar invitacións, disporíamos delas no acceso ao auditorio do Centro Ágora, pola porta de abaixo, na tarde do festival)

E como sempre queremos ter un fin solidario, desta vez pedimos a doazóns dun mínimo de 3 latas de conservas a favor do Banco de Alimentos Rías Altas como apoio ao seu labor.

Ao igual que no V Festival En Directo, o público elixirá as súas actuacións favoritas, e o grupo con máis votos gravará un EP ao longo de 2015 no estudio de gravación dos Locais de Ensaio. Cada papeleta de votación debidamente cuberta optará ao sorteo presencial que se realizará xusto ao rematar o festival, e que terá como premio unha entrada dobre para o concerto que AC/DC darán en Madrid o 31 de maio (xusto ese día fará 5 anos dos primeiros ensaios nos Locais de Ensaio). A todas aquelas persoas interesadas no premio do sorteo (lembramosvos que as entradas esgotaronse en menos de 2 horas), recomendamoslles a lectura da entrada, neste mesmo blogue, que especificamente fala das condicións de participación do sorteo.

Poderás seguir todas as novidades deste evento nas contas de facebook e twitter dos Locais de Ensaio, e co hashtag #EnDirectoVII.


Imaxe sacada da rolda de prensa de presentación do festival
Share:

30 de out. de 2014

Obradoiro Silencio, Gravando (parte 1): Antes de entrar en estudio


Velaquí tedes a nosa proposta formativa do mes de novembro, un obradoiro para que decidades as mellores opcións no momento no que o voso grupo ten uns temas compostos e queredes gravalos, e como non perder tempo (ou diñeiro según o miredes) durante o proceso.

Falarase de:

- Cando gravar cun Home Studio, e cando nun estudio profesional.
- Como ensaiar coas maiores garantías, o uso de aillantes e defusores (mesmo como facelos ti), e como dispoñer o backline para que escoitedes mellor como soades como grupo.
- Preprodución musical: Creación de arranxos, definición de tempo, estructuras, ensaios, definir o son do grupo, execución individual, control da dinámica, e ensaios con metrónomo.
- Posta a punto do backline:
+ Baterías: Parches, baquetas, pratos, evitar ruidos do hardware, resonancias, ...
+ Guitarras, baixos e teclados: elección e cambio de cordas, afinación, coidados do cableado, uso de pedais, mantemento de potenciómetros, ...

Este obradoiro é o primeiro parte dunha serie de 2. O seguinte, tratará propiamente o momento da gravación.

O poñente elexido para este evento é Jose Puga, experimentado produtor e técnico de son que ten traballado con artistas tan diversos como Obús, Barón Rojo, Carlos Núñez, Donal Lunny, Rosa Cedrón, Mercedes Peón, B.B. King, Paquito de Rivera, Billy Hoffman, ... Ademais de fundador da empresa Mare, que conta con estudio de gravación, selo discográfico, axencia de management e produción integral de espectáculos. Forma parte da directiva de MMF Spain (Music Managers Forum), e ten organizado cursos e master classes con enxeñeiros e produtores internacionais como Bob Katz, Tony Platt, Phill Brown ou Gil Norton.

Desta vez, o obradoiro será no Centro Ágora, o venres 7 ás 19.00 h. Para asistir, deberás seguir os pasos que atoparás aquí, e mandarnos a túa solicitude antes do xoves 6 ás 21.00 h.
Share:

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive