15 de out. de 2015

Obradoiro de Expresión Corporal (crónica)


 Hoxe tivemos unha divertida e instructiva tarde no Espazo de Iniciativas Xuvenís. Daniel Currás explicou aos/ás asistentes como, co adecuado vestiario e variando certas posturas do noso corpo, conseguimos unha interpretación máis veraz. O fin deste obradoiro era mellorar a expresión corporal mentres se está enriba do escenario, e para conseguilo, todos os/as asistentes tiñan que traer aprendido un breve monólogo sacado de Blade Runner. As interpretacións de cada un/unha foron gravadas en cámara, e proxectadas para ver como cambia nos ollos do público ver un/unha artista segura de sí mesmo/a, e cunha mensaxe definida, a cando se deixa todo á improvisación.

As risadas, e máis o bo ambiente, predominaron durante toda a acción formativa. Estamos seguros que alguén hoxe vai soñar coa porta de Tannhäuser e máis con Raios C.
Share:

7 de out. de 2015

Listaxe provisional de admitidos para a quenda semestral outubro 2015-abril 2016

A continuación se publican as listaxes provisionais na solicitude de prazas para a quenda semestral de ensaios que comezará o 26 de outubro.


Unha vez publicada a listaxe provisional, abrese un prazo de 10 días naturais, desde a publicación, para que os interesados podan presentar as alegacións que estimen convintes. Finalizado este prazo, publicarase a listaxe definitiva. Os grupos que consten con solicitudes incompletas poderán achegar a documentación requerida nos rexistros municipais en horario de 08.00 a 14.00 h (agás no de Novo Mesoiro, que abre ás 09.00 h), ou o sábado 10, de 09.00 a 13.00 h, nos rexistros de María Pita e do Fórum Metropolitano. Esta documentación tamén se poderá entregar de xeito telemático a través da sede electrónica. O prazo rematará, en ambos casos, o venres 16 ás 14.00 h CET.

De existir algún grupo que, tendo presentada a súa solicitude en prazo, non aparezan aptos nesta listaxe, poderán porse en contacto cos Locais de Ensaio do Concello da Coruña no e-mail: locaisdensaio@gmail.com

Todos os grupos que finalmente resulten aptos estarán convocados á xuntanza de adxudicación de horarios. Nela, como é costume, iranse repartindo todos os horarios dispoñibeis segundo a orde estipulada no noso regulamento interno, precisando un representante de cada grupo (no caso de non respostar no momento en que lle toque, ese grupo irá por orde para a listaxe de agarda).
Share:

6 de out. de 2015

Obradoiro de expresión corporal no escenario

Cantas veces marchaches dun concerto coa sensación de que o grupo tocaba moi ben, pero non acabaches de meterte no seu roio?. Notas que co teu grupo pode pasar o mesmo?. Este obradoiro vai dirixido a integrantes de grupos musicais que queran mellorar a súa presenza no escenario e a súa linguaxe corporal.

Daniel Currás recalcará a importancia de incorporar o corpo á actuación, controlar o espazo onde actúas, e en base a iso, falarase de:

- Interpretación
- Imaxe e mensaxe
- O grupo e a individualidade
- Improvisación
- A importancia do xesto

O evento terá lugar o xoves 15 de outubro, ás 19.00 h, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (rúa Matadoiro, 68. Preto da Domus). Para inscribirte só tes que cubrir o formulario que tes á túa dereita, un e-mail informarache da túa situación, xa que teñen preferencia os usuarios e máis as usuarias actuais dos Locais de Ensaio, e despois os menores de 30. O prazo de inscrición rematará o martes 13 ás 21.00 h.
Share:

28 de set. de 2015

Crónica Festival Solidario Coruña En Directo VIII

Nova edición do noso Festival Solidario, pero non foi un calquera. As novidades nos Locais fan que, desta vez, tiveramos 4 cámaras para gravar un tema de cada grupo participante, dando un salto de calidade que, en cuestión dunhas poucas semanas, poderedes desfrutar na nosa canle de Youtube. Foi un día especial para os 3 grupos que debutaban enriba dun escenario (Harakiri, Psychoducks, e The Lemonade Society), pero tamén para algúns dos outros grupos, ao dar un salto de calidade evidente, e porque incorporamos a figura do mestre de cerimonias para facer máis atractivos os cambios de grupo... pero sobretodo porque cremos que as máis de duascentas persoas que se achegaron á Sala O Túnel marcharon contentas, e por conseguir encher a furgoneta da Cociña Económica que veu recoller hoxe as doazóns que, entre todos e todas, fixemos o venres.


The Lemonade Society






Share:

24 de set. de 2015

Volume 5


Sae á luz a nova escolma de cancións gravadas nos Locais de Ensaio entre setembro de 2014 e agosto de 2015, en total 14 temas para desfrutar da canteira musical da cidade. Descubriredes a grupos como Ciudad Flotante, The Sonic Headlight, e formacións que xa levaban tempo ensaiando por aquí até que se decidiron a entrar no noso estudio, como After All, ou Us in the Mirror. Ese sería o caso tamén de Say My Name e Jules & The Wolf, cuxas cancións se poden atopar tamén nos seus propios traballos, Say My Name e Shores. Unha vez máis, Almakoa e Avézar non perderon a súa oportunidade de gravar nova composición (ambas formacións apareceron polo de agora en todas as edicións), como tampouco vellos coñecidos tanto de edicións anteriores como dos Festivais Solidarios Coruña En Directo: Beards & Beers, Breathing Loud, Ingravity, Senectud Sideral, Tanit, e The Ice Road.

Poderedes retirar, de balde, este CD no CMIX do Fórum Metropolitano, nas Bibliotecas Municipais, e nos propios Locais. As primeiras copias repartiranse na Sala O Túnel do Coliséum, xusto ao rematar o VIII Festival Solidario Coruña En Directo.


Share:

18 de set. de 2015

VIII Festival Solidario Coruña En Directo


O día 25 chega unha nova edición do Festival Solidario Coruña En Directo. A Sala O Túnel voltarase a encher de música para apoiar a gran labor que a Cociña Económica fai nesta cidade. De ahí que cada invitación deberá ir acompañada, no momento do acceso á sala, cun mínimo de 3 Kg/litros de alimentos non perecedeiros. Entre os produtos máis demandados pola entidade, destacan o aceite de xirasol, e máis o café molido.

Será unha noite moi especial, sobre todo para as 3 formacións que debutan neste festival: Harakiri, Psychoducks e The Lemonade Society. O resto de grupos, vellos coñecidos deste festival quenes mostrarán a súa evolución: After All, Avézar, Breathing Loud, Hateout, e Us in the Mirror. O evento ten a novidade de contar con mestre de cerimonias, Daniel Currás, quen amenizará os cambios de escenario entre actuacións.

Os convites poderán retirarse no Centro Municipal de Información Xuvenil, ademais dos propios Locais de Ensaio. No caso de non esgotarse, poderanse retirar tamén no acceso á sala, mentres non se supere o seu aforo.

Podedes seguir toda a información do evento en Facebook e Twitter, co HT #EnDirectoVIII.
Share:

16 de set. de 2015

Abrese o periodo de inscrición para a nova quenda semestral


Unha vez máis, e xa van 11, renovaremos a nosa axenda de ensaios para daren opción de uso das nosas instalacións a 48 grupos locais. De vos interesar, deberedes presentar o formulario de inscrición, xunto á documentación requerida, ben nos rexistros municipais (Palacio de María Pita, Fórum Metropolitano, Centro Ágora, Cidade Deportiva de Riazor ou Centro Cívico de Novo Mesoiro*) de luns a venres** en horario de 08.00 a 14.00 h, ou ben de xeito telemático mediante a sede electrónica do Concello. As inscricións deben adxuntar:

- Solicitude debidamente cuberta
- Fotocopia do DNI de todos os integrantes do grupo
- Volante de empadroamento no Concello da Coruña, con data de 2015, ou ben matrícula escolar nun centro da cidade para o curso 2015/2016 de, cando menos, o 50% dos integrantes do grupo.

No caso de que algún integrante sexa menor de idade, ademais, deberá facilitar:

- Autorización do pai-nai-titor/a
- Fotocopia do DNI da persoa que asine o permiso paterno/materno, ou do titor ou da titora

Como se pode atopar nas bases da convocatoria, os únicos requisitos para acceder aos ensaios son:

- Que, alo menos, a metade do grupo sexa menor de 30
- Que, alo menos, a metade do grupo certifique vivir actualmente na Coruña, ou ben cursar estudos no presente curso nun centro educativo da cidade

O periodo de inscrición rematará o venres 2 de outubro ás 14.00 h CET. As solicitudes recibidas logo dese intre tramitaranse unha vez comezada a nova quenda de ensaios, formando eses grupos a listaxe de agarda por orde de recepción das solicitudes.

Os novos horarios darán comezo o luns 26 de outubro. O 7 de outubro publicarase a listaxe provisional de admitidos, dando pé a un prazo de reclamacións e de presentación da documentación requerida que rematará o venres 16 de outubro ás 14.00 h CET. O mércores 21 de outubro presentarase a listaxe definitiva de admitidos, e convocarase a un representante de cada un deses grupos para a xuntanza de adxudicación de horarios.

* O horario do Centro Cívico de Mesoiro é de 09.00 a 14.00 h,
** Os rexistros de María Pita e máis do Fórum Metropolitano permiten entregar a documentación, ademais, os sábados de 09.00 a 13.00 h.


Share:

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive