24 de out. de 2016

Obradoiro de guitarras custom (crónica)

O pasado venres tocaba aprender, da man de Fran Rodríguez, as eleccións que afectan (e como) ao son de cada guitarra. De arriba a abaixo, desde a pala á caixa, debullando as múltiples opcións que cada quen ten para ter un instrumento propio, que se adapte ao seu xeito de tocar, e ao son que precisa.



Tamén contamos coa presencia de Óscar Rosende, guitarrista en Brothers in Band, quen explicou as directrices que deu antes de encargar o seu instrumento para que fora fiel ao son de Knopfler. 


E xa para rematar, e logo de máis de 2 horas de explicacións, deuse opción aos asistentes de probar a diferencia entre varias guitarras fabricadas en Franfret.

Share:

13 de out. de 2016

Obradoiro de guitarras Custom



Aprende, da man de Fran Rodríguez, os conceptos importantes á hora de encargar unha guitarra custom, definir o teu son persoal modificando compoñentes, e manter en perfecto estado o teu instrumento. Experimentado luthier, con base de operacións en Franfret, o seu taller na Agra do Orzán, no que leva os últimos anos creando e arranxando guitarras e baixos. Ademais, é o técnico de guitarras do grupo coruñés tributo a Dire Straits, Brothers in Band, a quenes xa leva acompañando unhas cantas xiras europeas. Durante o evento, mostrará como cambia o son segundo a elección da madeira, tipo de guitarra, pastillas, os coidados básicos para ter sempre a punto a ferramenta de traballo de guitarristas e baixistas, ... e por suposto resolver todas as túas dúbidas sobre o tema.

O obradoiro terá lugar o vindeiro venres, 21 de outubro, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (r/ Matadoiro, 68). Para asistir, só debes cubrir e enviar o formulario que atoparás á dereita deste texto, antes do xoves 20 ás 21.00 h. As prazas son limitadas ao aforo da sala, tendo preferencia os/as actuais usuarios/as dos Locais, e despois os/as menores de 30 anos, aínda que pode solicitar asistencia toda a cidadanía.




Share:

5 de out. de 2016

Listaxe provisional de admitidos para a quenda semestral outubro 2016 - marzo 2017

A continuación se publican as listaxes provisionais na solicitude de prazas para a quenda semestral de ensaios que comezará o 24 de outubro.
Unha vez publicada a listaxe provisional, ábrese un prazo de 10 días naturais, desde a publicación, para que os/as interesados/as podan presentar as alegacións que estimen convintes. Finalizado este prazo, publicarase a listaxe definitiva. Os grupos que consten con solicitudes incompletas poderán achegar a documentación requerida nun dos rexistros municipais en horario de 08.00 a 14.00 h (agás no de novo mesoiro, que abre ás 09.00 h), ou o sábado 8 de 09.00 a 13.00 h nos rexistros de María Pita ou do Fórum Metropolitano. Esta documentación tamén se poderá entregar de xeito telemático a través da Sede Electrónica. O prazo rematará, en ambos os casos, o venres 14 ás 14.00 h CET.

De existir algún grupo que, tendo presentado a súa solicitude en prazo, non aparezan aptos nesta listaxe, poderán porse en contacto cos Locais de Ensaio do Concello da Coruña no enderezo de e-mail locaisdensaio@gmail.com.


Todos os grupos que finalmente resulten aptos estarán convocados á xuntanza de adxudicación de horarios. Nela, como é costume, iranse repartindo todos os horarios dispoñibeis segundo a orde estipulada no noso regulamento interno, precisando a asistencia dun representante de cada grupo (no caso de non respostar no intre no que lle toque escoller horario, ese grupo irá por orde para a listaxe de agarda).
Share:

3 de out. de 2016

Festival Solidario Coruña En Directo (crónica)


Gran noite a do venres, onde máis de 250 persoas se achegaron á Sala O Túnel para arroupar aos 7 novos proxectos musicais participantes. Foi unha das edicións máis especiais, onde ademais de desfrutar da música e gañas que se lle puxeron enriba do escenario, conseguironse encher 8 caixas cheas de material escolar que van directamente para a ONG Equus Zebra e o seu proxecto "Agra Integra".
Fripp & Kitte mostraron a calidade das súas voces
Quetzal Riders encenderon a Sala O Túnel como adianto do seu inminente primeiro EP
Reminders seguen a completarse como grupo, desta vez estreaban baterista
Sala 5 demostraron que son un grupo distinto, e que chega para quedarse
Last Night Promise comezaron a súa andanza musical pisando moi forte

Breathing Loud son un clásico nestes festivais... e encantanos  o bo roio que transmiten!!
 Smog despediron esta edición coa adrenalina a tope, e ganas de máis

Queremos agradecer a boa acollida do evento, e o apoio tanto á causa solidaria como aos grupos por parte do público. Xa queda menos para a seguinte edición!!


Share:

24 de set. de 2016

X Festival Solidario Coruña En Directo


Cumprimos dez edicións do noso festival solidario, Coruña En Directo, na Sala O Túnel do Coliséum o vindeiro venres 30, xunto a 7 propostas musicais que defenderán co seu directo o traballo realizado nos ensaios dos últimos meses. Serán 3 os grupos que debuten nesta edición: Last Night Promise, Sala 5, e Smog. Ademais, contamos con 2 formacións que formaron parte da última edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, Fripp & Kitte e Reminders, xunto ao grupo con máis participacións neste formato de Festival Solidario, Breathing Loud, e os gañadores nas votacións do público da IX edición, Quetzal Riders.

O evento será a favor da labor educativa que a ONG Equus Zebra leva asumindo desde fai anos con xente en risco de exclusión social, polo que pedimos que no acceso se doen artigos de material escolar (cadernos, carpetas, estuches, bolígrafos, gomas, mochilas, ...) no acceso á sala de concertos.

Podes seguir as novidades do festival nas nosas redes sociais (Facebook e Twitter), e co Hashtag #EnDirectoX

As invitacións estarán dispoñibeis (a partires do luns 26) no Centro Municipal de Información Xuvenil do Fórum Metropolitano, nos propios Locais de Ensaio e, o día do concerto, no acceso á Sala O Túnel desde o intre no que abramos as portas (19.30 h).


Share:

16 de set. de 2016

Novo prazo de inscrición


Ábrese un novo prazo de inscrición para optar a unha das 48 prazas de ensaios dispoñibeis para os vindeiros 6 meses. De vos interesar, deberedes presentar o formulario de inscrición, xunto á documentación requerida, ben nun dos Rexistros Municipais (Pazo de María Pita, Fórum Metropolitano, Centro Ágora, Cidade Deportiva de Riazor, ou Centro Cívico de Novo Mesoiro*) de luns a venres** en horario de 08.00 a 14.00 h, ou ben de xeito telemático mediante a Sede Electrónica. As inscricións deberán adxuntar:

- Solicitude debidamente cuberta
- Fotocopia do DNI de todas as persoas integrantes do grupo
- Certificado de Empadroamento no Concello da Coruña, con data de 2016, ou ben matrícula nun centro educativo da cidade para o curso 2016/17 de, alo menos, o 50% dos/as integrantes do grupo

- Permiso do pai, nai, ou responsábel legal de todas as persoas menores de 18 anos, asinado e acompañado pola fotocopia do DNI da persoa que dá o permiso

Como atoparás nas bases de convocatoria, os únicos requisitos para acceder aos ensaios son:

- Que, alo menos, a metade do grupo sexa menor de 30 anos
- Que, alo menos, a metade do grupo certifique vivir actualmente na Coruña, ou ben curse estudos actualmente nun centro educativo da cidade

O periodo de inscrición comprende desde o venres 16, até o venres 30 de setembro ás 14.00 h CET. As solicitudes recibidas logo dese intre tramitaranse unha vez comezada a nova quenda de ensaios, formando eses grupos a listaxe de agarda por orde de recepción das solicitudes.

Os novos horarios darán comezo o luns 24 de outubro. A listaxe provisional publicarase o 5 de outubro, dando pé a un prazo de reclamacións e de presentación de documentación requerida que rematará o venres 14 de outubro ás 14.00 CET. O xoves 20 presentarase a listaxe definitiva de admitidos, convocando a (alo menos) un/unha representante de cada un deses grupos á xuntanza de adxudicación de horarios.

* O horario do Centro Cívico de Novo Mesoiro é de 09.00 a 13.00 h.
** Os rexistros de María Pita, e máis do Fórum Metropolitano, permiten entregar a documentación, tamén, os sábados en horario de 09.00 a 13.00 h.




Share:

6 de abr. de 2016

Listaxe provisional de admitidos para a quenda semestral abril-outubro 2016

A continuación se publican as listaxes provisionais na solicitude de prazas para a quenda semestral de ensaios que comezará o 25 de abril.


Unha vez publicada a listaxe provisional, ábrese un prazo de 10 días naturais, desde a publicación, para que os interesados podan presentar as alegacións que estimen convintes. Finalizado este prazo, publicarase a listaxe definitiva. Os grupos que consten con solicitudes incompletas poderán achegar a documentación requerida nos rexistros municipais en horario de 08.00 a 14.00 h (agás no de Novo Mesoiro, que abre ás 09.00 h), ou o sábado 9, de 09.00 a 13.00 h, nos rexistros de María Pita e do Fórum Metropolitano. Esta documentación tamén se poderá entregar de xeito telemático a través da sede electrónica. O prazo rematará, en ambos os casos, o venres 15, ás 14.00 h CET.

De existir algún grupo que, tendo presentado a súa solicitude en prazo, non aparezan aptos nesta listaxe, poderán porse en contacto cos Locais de Ensaio do Concello da Coruña  no e-mail: locaisdensaio@gmail.com

Todos os grupos que finalmente resulten aptos estarán convocados á xuntanza de adxudicación de horarios. Nela, como é costume, iranse repartindo todos os horarios dispoñibeis segundo a orde estipulada no noso regulamento interno, precisando un representante de cada grupo (no caso de non respostar no momento en que lle toque, ese grupo irá por orde para a listaxe de agarda).



Share:

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive