10 de dec. de 2016

Distorsión Coruñenta


Distorsión Coruñenta, historia resumida do rock galego, é un obradoiro ideado para explicarlles aos grupos noveis de onde vén a escea musical galega (forxada durante as últimas 4 décadas), para saber mellor cara a onde ir. 


Comezarase falando de como irrumpiron Os Resentidos para esnaquizar tabús previos, e como a partir de ahí A Coruña se converteu nunha cidade referente cos Pioneiros Radio Océano, e logo os seguiron Papaqueixos, Diplomáticos, ... na revolución do bravú. A partir de entón, a nómina de conxuntos non parou de medrar. Un corpus sonoro - realmente interesante e poucas veces estudado - que, afortunadamente non deixa de producir novas músicas.


Como poñente, contamos cunha das voces autorizadas para falar do tema. Xurxo Souto, ademais do seu coñecido traballo en grupos coma Os Diplomáticos de Monte Alto, ou Os Tres Trebóns, chegou a ser director de programación da Radio Galega, dando unha notoria visibilización a moitos grupos de rock galegos que atoparon un oco nas ondas para seren escoitados.



O obradoiro terá lugar na tarde do venres 16, na sala 9 do Centro Ágora. Para asistir, só debes cubrir e enviar o formulario que atoparás á dereita deste texto, antes do xoves 15 ás 21.00 h. As prazas son limitadas ao aforo da sala, tendo preferencia os/as usuarios/as actuais dos Locais de Ensaio, e despois os/as menores de 30 anos, aínda que pode solicitar asistencia toda a cidadanía

Share:

6 de dec. de 2016

Presentación Videoclip: Say My Name - Coolkids


Este venres, ás 21.30 h, na Sala 9 do Centro Ágora presentarase o primeiro videoclip producido desde os Locais de Ensaio do Concello da Coruña. Trátase do tema Coolkids, do grupo Say My Name, quenes accederon a este premio logo de resultaren o grupo máis votado polo público asistente ao VII Festival Solidario Coruña En Directo.

O videoclip foi rodado en varias localizacións do centro da cidade, a finais do verán, polo noso departamento audiovisual, actualmente a cargo de Rebeca Núñez Longueira.

O acceso á presentación farase por orde de chegada até cumplir o aforo da sala, estando prevista unha breve actuación en formato acústico por parte do grupo. O video publicarase na canle de Youtube dos Locais de Ensaio.
Share:

7 de nov. de 2016

Obradoiro: Como afianzar a túa identidade corporativa musical nas redes sociais



Como afianzar a túa identidade corporativa musical nas redes sociais é un obradoiro creado polo Departamento Audiovisual dos Locais de Ensaio para axudar a definir a imaxe do teu grupo, darlle coherencia a todas as publicacións en redes sociais, buscando que a xente os identifique e teñan unha sensación positiva do proxecto musical.

O darse conta da importancia das ferramentas que temos ao noso alcance, e utilizalas ao noso beneficio para facer crecer o noso proxecto musical é algo crucial se queremos crecer. Cunha cantidade de fans determinados podemos acreditar ante unha sala ou discográfica a nosa capacidade de mobilización. Non só é un número de persoas a quen lles gustamos, é unha especie de medida que podemos utilizar para intentar acadar novos obxectivos.

Nesta era dixital, onde calquera pode facerse coñecido cun video viral que circule pola rede, é imprescindíbel darse de conta da relevancia que podemos acadar. A busca e uso dunha tipografía, análise de artistas coñecidos aos que tomar como referentes, a necesidade da imaxe, xeitos eficientes de comunicación nas redes sociais, e uso de aplicacións como Canva ou Hootsuite serán algúns dos temas que se tratarán ao longo das 2 horas e media de duración do evento.

O obradoiro terá lugar o sábado 19, en horario de mañá, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (r/ Matadoiro, 68). Para asistir, só debes cubrir e enviar o formulario que atoparás á dereita deste texto, antes do martes 15 ás 21.00 h. As prazas son limitadas ao aforo da sala, tendo preferencia os/as usuarios/as actuais dos Locais de Ensaio, e despois os/as menores de 30 anos, aínda que pode solicitar asistencia toda a cidadanía.




Share:

24 de out. de 2016

Obradoiro de guitarras custom (crónica)

O pasado venres tocaba aprender, da man de Fran Rodríguez, as eleccións que afectan (e como) ao son de cada guitarra. De arriba a abaixo, desde a pala á caixa, debullando as múltiples opcións que cada quen ten para ter un instrumento propio, que se adapte ao seu xeito de tocar, e ao son que precisa.



Tamén contamos coa presencia de Óscar Rosende, guitarrista en Brothers in Band, quen explicou as directrices que deu antes de encargar o seu instrumento para que fora fiel ao son de Knopfler. 


E xa para rematar, e logo de máis de 2 horas de explicacións, deuse opción aos asistentes de probar a diferencia entre varias guitarras fabricadas en Franfret.

Share:

13 de out. de 2016

Obradoiro de guitarras Custom



Aprende, da man de Fran Rodríguez, os conceptos importantes á hora de encargar unha guitarra custom, definir o teu son persoal modificando compoñentes, e manter en perfecto estado o teu instrumento. Experimentado luthier, con base de operacións en Franfret, o seu taller na Agra do Orzán, no que leva os últimos anos creando e arranxando guitarras e baixos. Ademais, é o técnico de guitarras do grupo coruñés tributo a Dire Straits, Brothers in Band, a quenes xa leva acompañando unhas cantas xiras europeas. Durante o evento, mostrará como cambia o son segundo a elección da madeira, tipo de guitarra, pastillas, os coidados básicos para ter sempre a punto a ferramenta de traballo de guitarristas e baixistas, ... e por suposto resolver todas as túas dúbidas sobre o tema.

O obradoiro terá lugar o vindeiro venres, 21 de outubro, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (r/ Matadoiro, 68). Para asistir, só debes cubrir e enviar o formulario que atoparás á dereita deste texto, antes do xoves 20 ás 21.00 h. As prazas son limitadas ao aforo da sala, tendo preferencia os/as actuais usuarios/as dos Locais, e despois os/as menores de 30 anos, aínda que pode solicitar asistencia toda a cidadanía.




Share:

5 de out. de 2016

Listaxe provisional de admitidos para a quenda semestral outubro 2016 - marzo 2017

A continuación se publican as listaxes provisionais na solicitude de prazas para a quenda semestral de ensaios que comezará o 24 de outubro.
Unha vez publicada a listaxe provisional, ábrese un prazo de 10 días naturais, desde a publicación, para que os/as interesados/as podan presentar as alegacións que estimen convintes. Finalizado este prazo, publicarase a listaxe definitiva. Os grupos que consten con solicitudes incompletas poderán achegar a documentación requerida nun dos rexistros municipais en horario de 08.00 a 14.00 h (agás no de novo mesoiro, que abre ás 09.00 h), ou o sábado 8 de 09.00 a 13.00 h nos rexistros de María Pita ou do Fórum Metropolitano. Esta documentación tamén se poderá entregar de xeito telemático a través da Sede Electrónica. O prazo rematará, en ambos os casos, o venres 14 ás 14.00 h CET.

De existir algún grupo que, tendo presentado a súa solicitude en prazo, non aparezan aptos nesta listaxe, poderán porse en contacto cos Locais de Ensaio do Concello da Coruña no enderezo de e-mail locaisdensaio@gmail.com.


Todos os grupos que finalmente resulten aptos estarán convocados á xuntanza de adxudicación de horarios. Nela, como é costume, iranse repartindo todos os horarios dispoñibeis segundo a orde estipulada no noso regulamento interno, precisando a asistencia dun representante de cada grupo (no caso de non respostar no intre no que lle toque escoller horario, ese grupo irá por orde para a listaxe de agarda).
Share:

3 de out. de 2016

Festival Solidario Coruña En Directo (crónica)


Gran noite a do venres, onde máis de 250 persoas se achegaron á Sala O Túnel para arroupar aos 7 novos proxectos musicais participantes. Foi unha das edicións máis especiais, onde ademais de desfrutar da música e gañas que se lle puxeron enriba do escenario, conseguironse encher 8 caixas cheas de material escolar que van directamente para a ONG Equus Zebra e o seu proxecto "Agra Integra".
Fripp & Kitte mostraron a calidade das súas voces
Quetzal Riders encenderon a Sala O Túnel como adianto do seu inminente primeiro EP
Reminders seguen a completarse como grupo, desta vez estreaban baterista
Sala 5 demostraron que son un grupo distinto, e que chega para quedarse
Last Night Promise comezaron a súa andanza musical pisando moi forte

Breathing Loud son un clásico nestes festivais... e encantanos  o bo roio que transmiten!!
 Smog despediron esta edición coa adrenalina a tope, e ganas de máis

Queremos agradecer a boa acollida do evento, e o apoio tanto á causa solidaria como aos grupos por parte do público. Xa queda menos para a seguinte edición!!


Share:

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive