13 de mar. de 2014

Obradoiro de saúde auditiva



Logo dun tempo, voltamos á carga coas accións formativas presentadas desde os Locais de Ensaio. Desta vez, e dada a boa acollida que tivo o ano pasado o Obradoiro de Saúde Musical, tentarase indagar un pouco máis en como un músico debe facer para desfrutar da música, e chegar aos 60 sen padecer problemas auditivos.

Falarase sobre prevención de perda auditiva (facendo incluso simulacións do que pode pasar se se excede o límite de Decibelios mentres escoitamos música ou tocamos, e se dana o sistema auditivo), uso de protectores e as ventaxas da monitorización in-ear, entre outras cousas.

A ponencia levarana a cabo María Luaces, técnica en Gaes, ademais dunha gran coñecida no panorama musical da cidade. O obradoiro terá lugar o 29 de marzo ás 11.00 h na Sala O Túnel do Coliséum. Para poder asistir, unicamente compre seguir os pasos que atoparedes aquí, rematando o prazo de inscrición o venres 28 ás 21.00 h.
Share:

7 de mar. de 2014

Periodo de inscrición para comezar a quenda semestral de abril a setembro



Pasaron máis de 5 meses desde que se repartiron horarios por última vez, chegou o momento de voltar a presentar novamente as inscricións para desfrutar das 3 horas de ensaio semanais durante os vindeiros 6 meses e seguir crecendo (se fúchedes un dos grupos usuarios durante estes últimos meses), ou de comezar unha experiencia musical (para os novos grupos), na que poder ensaiar, compoñer, gravar, aprender, e mesmo tocar en directo!!.

Para iso, deberedes presentar:

- Solicitude debidamente cuberta (importante non deixar campos valeiros, para poder contactar con vós!!)
- Fotocopia dos DNI´s de todos/as os/as compoñentes do grupo
- Certificado de empadroamento no Concello da Coruña con data de 2014, ou ben matrícula escolar nun centro da cidade para o curso 2013-2014 de, cando menos, a metade dos integrantes do grupo
- Permiso paterno/materno/do titor ou titora legal de todas as persoas menores de idade, acompañado da fotocopia do DNI do maior de idade que asina o permiso

A data límite para presentar as solicitudes é o sábado 22 de marzo (todas as incricións recibidas con posterioridade irán directamente para a listaxe de agarda, facilitándolles os horarios valeiros, en caso de habelos, por orde de inscrición). 
Os arquivos de solicitude e permiso de menores poderedes atopalos neste blogue
Os únicos grupos exentos de presentar solicitude son os que, presentando a solicitude durante a última quenda semestral, non tiveron opción de poder ensaiar e constan na listaxe de agarda (debido á ocupación do 100% do servizo durante estes meses).

Coma sempre, o lugar de recepción das solicitudes será o Centro Municipal de Información Xuvenil do Fórum Metropolitano (r/ Río Monelos, 1). 
Horario: Luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 h, e sábados de 11.00 a 14.00 h.

A nova quenda dará comezo o 2 de abril. Previamente, todos os grupos inscritos que resulten Aptos recibirán un e-mail convocándoos á xuntanza de asignación de horarios, segundo explica o noso regulamento interno.


Share:

1 de feb. de 2014

V Festival Solidario En Directo (crónica)


Espectacular noite a vivida onte no Ágora, e as cifras así o corroboran: máis de 400 asistentes ao evento, e 1320 Kg de comida recollidos para a Cociña Económica. Agradecer (e moito) a todas as persoas que se achegaron a esta nova cita que xuntaba a solidariedade coa música colaborando coa causa, e por suposto a todos os músicos que onte pasaron polo escenario para mostrar a súa música.

Breathing Loud eran os primeiros en tocar, e a súa enerxía non tardou en contaxiar ao público. Especial mención ten a conversión de algún dos temas do seu repertorio a formato acústico, co traballo que conleva.

O debut enriba dos escenarios de Hooked deixou un bo sabor de boca.

B.A.R. é o novo nome da formación anteriormente coñecida por After All. Non podían faltar á súa cita, xa que son o único grupo que leva participado en todas as edicións do Festival Solidario En Directo.

Outro dos grupos debutantes que deixaron un bo sabor de boca... e o momentazo "Loquillo". 
Beards & Beers

Tremebundos fixeron desfrutar coas suas letras, estreando nova formación.

A presentación de Say my Name foi todo un éxito. Grupo a ter en conta, ollo!!

Moonk demostraron, ao igual que no seu anterior concerto, contar cun público fiel.

O debut de SeisPorOito fíxose agardar, pero as cousas boas é o que teñen...
Espectacular ovación final, logo da súa actuación.

Concurso:

Como comentabamos na anterior entrada a este blogue, nesta edición puxemos en marcha un concurso no que o grupo máis votado polo público terá a opción de gravar un EP no estudio de gravación dos Locais de Ensaio. Logo de rematar co escrutinio, Say my Name son os gañadores. Noraboa!!
E tamén noraboa á gañadora das dúas entradas de Vetusta Morla sorteadas, quen se atopaba presente no momento de sacar a papeleta premiada no recibidor do auditorio do Ágora, minutos despois de rematar o festival.
A anécdota deste concurso veu con algunhas votacións, (obviamente invalidadas) lembrando a antigos grupos usuarios dos Locais de Ensaio, como Dharmak, Akupuntura, Brewed ou Carretera Comarcal.


Share:

30 de xan. de 2014

Concurso V Festival Solidario En Directo



O día de mañá no Ágora será un día especial. E como sobran os motivos... ahí vai outro: O público que se achegue ao Festival poderá optar a un premio dunha entrada dobre para o concerto que o 2 de maio dará Vetusta Morla no Coliséum. Para iso, só deberán escribir os seus datos de contacto, xunto aos 3 grupos que máis lle gustaran dos participantes no festival, no dorso da invitación, e depositalo na furna habilitada no recibidor do auditorio. O grupo con máis votos terá a posibilidade de gravar un EP nos estudios de gravación dos Locais de Ensaio.

Xa está todo preparado para que mañá desfrutedes con Breathing Loud, Hooked, B.A.R., Beards & Beers, Tremebundos, Say my Name, Moonk e SeisPorOito, ademais de axudar á nosa causa social da man da Cociña Económica. Desde o martes, podedes recoller os convites unicamente no CMIX do Fórum Metropolitano, ao esgotarse todos os que tiñamos no Coliséum. O día do festival, as poucas invitacións que quedan poderanse obter na porta de acceso aos concertos, a partires das 18.45 h. (apertura de portas).
Share:

16 de xan. de 2014

V Festival Solidario En Directo


Fieis á nosa cita semestral, hoxe presentamos a V edición do Festival Solidario En Directo. Desta vez, serán 8 os grupos participantes no evento, quenes proporán ao público unha viaxe musical que irá desde o Rock alternativo até a música tradicional, pasando polo Blues ou o Pop, nas 4 horas de duración do evento. Os concertos terán lugar no auditorio do Ágora o venres 31 de xaneiro, comezando ás 19.00 h.

Unha vez máis, contamos con toda a cidadanía para apoiar, por un lado á canteira musical da Coruña, e polo outro a iniciativa solidaria, ao ser requisito entregar no Ágora o convite gratuito (que se poderá obter de balde tanto no Centro Municipal de Información Xuvenil, como nos propios Locais de Ensaio (Acceso pola porta 12 do Coliséum), nos seus respectivos horarios de apertura) xunto con 3 Kg de comida non perecedeira, que unha vez máis irán directamente á Cociña Económica. Os produtos máis eficaces para o seu fin humanitario son: Café, azucre, spaguetti, conservas de todo tipo, embutido envasado, fariña, sal e pan raiado. Quenes así o desexen, tamén poderán apoiar a iniciativa doando produtos de aseo (xeles de baños, desodorizantes, , cepillos de dentes, pasta dentífrica, afeitadoras desechabeis e/ou escuma de afeitar), ou ben produtos para bebés (leite de continuación, cueiros, toalliñas, cereais ou potitos).
Share:

22 de ago. de 2013

Periodo de inscrición para a quenda semestral outubro 2013-marzo 2014



O luns, 26 de agosto, dará comezo o proceso para presentar toda a documentación e optar a unha quenda de 3 horas de ensaio semanais nos Locais de Ensaio para o vindeiro semestre. Para iso precisaredes:

- Solicitude debidamente cuberta.
- Fotocopia dos DNI´s de todos/as os/as compoñentes do grupo.
- Certificado de empadroamento no Concello da Coruña con data de 2013, ou ben matrícula escolar nun centro da cidade para o curso 2013-2014 de, cando menos, a metade dos integrantes do grupo.
- Permiso paterno/materno/do titor ou titora legal de todas as persoas menores de idade, acompañado da fotocopia do DNI do maior de idade que asina o permiso.

Os modelos de solicitude e permiso a menores poderedes atopalos neste blogue, ao igual que o regulamento interno a seguir.
Os únicos grupos exentos de facer a solicitude son os que, actualmente, integran a listaxe de agarda e ainda non tiveron oportunidade de entrar a ensaiar.

Tedes até o 21 de setembro (sábado) para achegardes toda a documentación requerida ao Centro Municipal de Información Xuvenil (Fórum Metropolitano. r/ Río Monelos, 1). As solicitudes recibidas a partires do día 23 de setembro pasarán a formar parte da listaxe de agarda dos Locais de Ensaio, notificando aos grupos integrantes as prazas libres para ensaiar, de habelas, por orde de entrega de solicitude. A nova quenda dará comezo o 1 de outubro.

Horario CMIX: Luns a venres de 10.00 a 14.00 h, durante agosto, e a partires de setembro tamén de 17.00 a 20.00 h. O sábado 21, último día deste periodo de inscrición, poderedes achegarvos de 11.00 a 14.00 h. 
Share:

8 de xul. de 2013

Volume 3



Desde fai unhas semaniñas tedes á vosa disposición o 3º disco editado desde os Locais de Ensaio. Podedes atopalo, de balde, na rede de Bibliotecas Municipais, no Centro Municipal de Información Xuvenil do Fórum Metropolitano e nos propios Locais de Ensaio.

O primeiro que chama a atención con respecto aos anteriores Volumes é o número de grupos participantes, xa que se dobran os participantes da primeira edición. O disco comeza cun breve bloque de Hard Rock (os, por desgraza, xa extintos Dharmak, xunto a Black Babylon e The Ice Road), seguindo con outra banda que o breve tempo que estivo activa deu moito que falar, Brewed, introducindo o bloque de grupos de tendencia más Metal (Fading Memories, Ingravity, Avézar e Tolemia), que dará paso ao Rock Urbano de Carretera Comarcal, o Blues ecléptico de Akupuntura e o Punk Nihilista de Man City Blue. Xa para rematar, a proposta Pop de Tremebundos e Almakoa aporta  outro tipo de matices ao recopilatorio, sendo despedido pola proposta máis tradicional coa que contamos, a cargo de SeisPorOito.

Non creemos nas etiquetas musicais, só é unha introdución a cada un dos grupos, porque ao final... o que conta é o que a música transmite.


Share:

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive