8 de set. de 2014

Novo periodo de inscrición para a quenda semestral outubro 2014 - marzo 2015


Comeza o curso, comeza unha nova etapa. Como cada 6 meses, refaremos o cadrante de horarios de ensaio, dando a oportunidade a novos grupos que queiran achegarse ás nosas instalacións 3 horas á semana. O traballo deses grupos poderá verse reflectido tanto nos festivais que semestralmente producimos, con caracter solidario (polo xeral na Sala O Túnel do Coliséum, ou no Auditorio do Centro Ágora), e na edición anual do CD recopilatorio con temas dos grupos que pasaron polo noso estudio de gravación, así como tentamos dar nocións de auto-produción para xestionar os vosos proxectos musicais.

Para iso, deberedes presentar:
- Solicitude debidamente cuberta (importante non deixar nengún campo sen cubrir, para poder contactar con vós)
- Fotocopia dos DNI´s de todos/as os/as integrantes do grupo
- Certificado de empadroamento no Concello da Coruña, con data de 2014, ou ben matrícula nun centro educativo da cidade para o curso 2014-15 de, alo menos, o 50% dos/as integrantes do grupo
- Permiso paterno/materno/ do titor de todos/as os/as menores de 18 anos, asinado e acompañado pola fotocopia do DNI da persoa que da o permiso

Os arquivos de solicitude e permiso a menores podes atopalos neste mesmo blogue.

A data límite para recibir as inscrición é o sábado 20 de setembro, ás 14.00 h (os grupos que entreguen a solicitude desde o luns 22 en diante, entrarán directamente na listaxe de agarda, facilitándolles os horarios valeiros, en caso de telos, por orde de entrega).

Os únicos grupos exentos de presentar solicitude son os que actualmente constan na listaxe de agarda, ao presentar a solicitude para ensaiar na quenda que este mes remata e non atopar opcións de ensaio válidas para o grupo.

O lugar de recepción de solicitudes é a oficina do CMIX, no Fórum Metropolitano (r/ Río Monelos, 1).
Horario: Luns a Venres de 10.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.00 h, e o sábado 20 de 11.00 a 14.00 h.

A nova quenda dará comezo o 1 de outubro. O luns 22 de setembro emitirase unha listaxe provisional de admitidos, convocando a eses grupos ao evento de asignación de horario.
Share:

2 de xuño de 2014

Obradoiro sobre como conseguir concertos (crónica)


O sábado, moitos dos/as asistentes ao obradoiro marcharon cun novo enfoque que darlle ao seu proxecto musical. Tomi Legido case non parou de falar durante 2 horas e media sobre as pedras nas que case que todos os grupos tropezan, e como intentar esquivalas, e abofé que se tomou nota diso!.

A importancia da toma de decisións da banda, ou a xestión de temas económicos, sociais e publicitarios coparon gran parte do tempo, ademais de presentar ferramentas moi útiles para o traballo cooperativo entre os membros (trello), ou o doado que é facer un rider técnico en musicotec.


Share:

12 de maio de 2014

Como conseguir concertos?



Que é o máis importante nunha banda?
Como nos relacionamos co noso público?
Como nos relacionamos co "mercado musical"? (selos, prensa, salas de concertos, festivais, ...)
Temos poucos cartos... En que os gastamos?
Queremos que nos tomen en serio? Que erros non podemos comenter?

Estas preguntas, e todas as vosas dúbidas, ademais da presentación dunha ferramenta informática de traballo cooperativo para a xestión dun grupo de música e as persoas que colaboran con él as respostará Tomi Legido, entre outras cousas responsábel da programación musical da Sala Mardigras, ademais de socio na produtora 10d10.

O obradoiro será o sábado 31 ás 11.00 h, na Sala O Túnel, e coma sempre será de balde. Para asistir, deberedes seguir os pasos que aparecen aquí, antes do venres 30 ás 21.00 h.
Share:

28 de abr. de 2014

#AnimaciónCoruña42Locais


A mañá do domingo foi fría, pero iso non fixo que a xente quedara na casa. Preto de 3000 persoas correron nas carreiras polo circuito urbano, e había moita xente nas rúas para animalos. Entre eles, 12 grupos musicais (6 deles usuarios dos Locais de Ensaio da Concellaría de Educación, Deportes e Xuventude) que lle deron unha cor distinta á carreira, e chamaron á atención dos que por aló pasaban.

Beards & Beers fixeron espertar á cidade co seu Rock

Man City Blue non faltou á súa cita (actuaron en todas as edicións)

Reckless repartindo Metal

Hooked deixaron moi boa impresión

Blueside conectar co público

Say My Name demostraron o por qué de que a xente comece a falar tanto deles

Agradecemos a todos os grupos que quixeron participar, e damos a noraboa aos gañadores, e en xeral a todos/as os/as que acabaron as carreiras. Pero isto non remata, xa que durante toda esta semana levarase a cabo o concurso por ver cal das animacións foi a mellor. Tedes toda a información aquí, e se queredes apoiar a estes seis grupos, vatade en Twitter cada día ao Hashtag #AnimaciónCoruña42Locais .


Share:

25 de abr. de 2014

Animación III Coruña42


Este domingo terá lugar a III Maratón Atlantica Coruña42. E como en todas as edicións anteriores, como parte da animación que se disporá polo percorrido da carreira, tocarán grupos usuarios dos Locais de Ensaio. Temos habilitados dous escenarios, o primeiro na Casa Sol, e o segundo a carón do Teatro Colón.
Presentamosvos aos 6 grupos que poderedes escoitar:



Hooked: Grupo Rock Alternativo con influencias de Pearl Jam, Queens of the Stone Age, Foo Fighters, Radiohead, ...
Actuarán ás 09.00 h en Casa Sol e ás 11.00 h no Colón


Blueside: Grupo de versións Blues e Rock ´n Roll, vivaz e con ganas de contaxiar seu bo roio
Actuarán ás 09.40 h en Casa Sol e ás 11.40 h no Colón



Say My Name: Banda de Pop-Rock que vos sorprenderá
Actuarán ás 10.20 h en Casa Sol e ás 12.20 h no Colón



Man City Blue: Banda de Rock Alternativo formada por voz, baixo, dúas guitarras e batería
Actuarán ás 09.40 h no Colón e ás 11.00 h en Casa Sol



Reckless: Grupo de Trash/Groove Metal, influenciado por Megadeth, Lamb of God ou Pantera
 Actuarán ás 10.20 h no Colón e ás 11.40 h en Casa Sol



Beards & Beers: Banda Galega de Rock... de Rock do malo!!  :p
 Actuarán ás 09.00 h no Colón e ás 12.20 h en Casa Sol


Poderedes apoiar a todos estes grupos, tanto asistindo aos seus concertos coma votando, desde o domingo ás 08.00 h, en twitter ao Hashtag #AnimaciónCoruña42Locais , xa que hai premio para as animacións máis seguidas.
Share:

13 de mar. de 2014

Obradoiro de saúde auditiva



Logo dun tempo, voltamos á carga coas accións formativas presentadas desde os Locais de Ensaio. Desta vez, e dada a boa acollida que tivo o ano pasado o Obradoiro de Saúde Musical, tentarase indagar un pouco máis en como un músico debe facer para desfrutar da música, e chegar aos 60 sen padecer problemas auditivos.

Falarase sobre prevención de perda auditiva (facendo incluso simulacións do que pode pasar se se excede o límite de Decibelios mentres escoitamos música ou tocamos, e se dana o sistema auditivo), uso de protectores e as ventaxas da monitorización in-ear, entre outras cousas.

A ponencia levarana a cabo María Luaces, técnica en Gaes, ademais dunha gran coñecida no panorama musical da cidade. O obradoiro terá lugar o 29 de marzo ás 11.00 h na Sala O Túnel do Coliséum. Para poder asistir, unicamente compre seguir os pasos que atoparedes aquí, rematando o prazo de inscrición o venres 28 ás 21.00 h.
Share:

7 de mar. de 2014

Periodo de inscrición para comezar a quenda semestral de abril a setembro



Pasaron máis de 5 meses desde que se repartiron horarios por última vez, chegou o momento de voltar a presentar novamente as inscricións para desfrutar das 3 horas de ensaio semanais durante os vindeiros 6 meses e seguir crecendo (se fúchedes un dos grupos usuarios durante estes últimos meses), ou de comezar unha experiencia musical (para os novos grupos), na que poder ensaiar, compoñer, gravar, aprender, e mesmo tocar en directo!!.

Para iso, deberedes presentar:

- Solicitude debidamente cuberta (importante non deixar campos valeiros, para poder contactar con vós!!)
- Fotocopia dos DNI´s de todos/as os/as compoñentes do grupo
- Certificado de empadroamento no Concello da Coruña con data de 2014, ou ben matrícula escolar nun centro da cidade para o curso 2013-2014 de, cando menos, a metade dos integrantes do grupo
- Permiso paterno/materno/do titor ou titora legal de todas as persoas menores de idade, acompañado da fotocopia do DNI do maior de idade que asina o permiso

A data límite para presentar as solicitudes é o sábado 22 de marzo (todas as incricións recibidas con posterioridade irán directamente para a listaxe de agarda, facilitándolles os horarios valeiros, en caso de habelos, por orde de inscrición). 
Os arquivos de solicitude e permiso de menores poderedes atopalos neste blogue
Os únicos grupos exentos de presentar solicitude son os que, presentando a solicitude durante a última quenda semestral, non tiveron opción de poder ensaiar e constan na listaxe de agarda (debido á ocupación do 100% do servizo durante estes meses).

Coma sempre, o lugar de recepción das solicitudes será o Centro Municipal de Información Xuvenil do Fórum Metropolitano (r/ Río Monelos, 1). 
Horario: Luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 h, e sábados de 11.00 a 14.00 h.

A nova quenda dará comezo o 2 de abril. Previamente, todos os grupos inscritos que resulten Aptos recibirán un e-mail convocándoos á xuntanza de asignación de horarios, segundo explica o noso regulamento interno.


Share:

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive