11 de mar. de 2019

O teu local: Ábrese novo prazo ordinario de inscricións


Xa se pode optar a unha das 48 prazas semanais de ensaio que se ofertan para o vindeiro semestre nos Locais de Ensaio do Concello da Coruña. Que, cando menos, a metade do grupo sexa menor de 30 anos, e que o 50% da agrupación acredite vivir ou cursar estudos nun centro do municipio son os 2 requisitos.

Podes consultar as bases de convocatoria, descargar o formulario de inscrición, e tamén o permiso a menores de idade; toda a documentación requerida debe enviarse por e-mail a xuventude@coruna.es. O prazo ordinario de inscrición remata o 24 de marzo (todas as solicitudes aportadas fóra de prazo serán atendidas, por orde de recepción, unha vez comezado o novo semestre).

A partir do 26 de marzo poderá consultarse a listaxe provisional, abríndose un prazo de 10 días naturais para presentar alegacións. O semana do 8 de abril publicarase a listaxe definitiva neste proceso, comezando o novo cadrante de horarios o 22 de abril.

Lembramos que este espazo municipal está dotado con todo o necesario para que os grupos só teñan que achegar ao Coliseum as súas guitarras, baquetas, e ganas de tocar. Ademais, contamos cun estudio onde gravar maquetas, e cun departamento de imaxe onde poder crear logos, fotos e demais arquivos que axuden aos grupos a chegar ao seu público, así como diversos eventos onde mostrar en directo o seu traballo.

Share:

26 de dec. de 2018

En Directo nos Barrios


Algúns dos grupos residentes nos Locais de Ensaio do Concello da Coruña encherán de música 2 dos barrios da cidade para despedir o 2018. Trátase dun novo ciclo de microconcertos que aproxima estes novos proxectos musicais á cidadanía. Concertos en horario de 21.00 a 23.00 h, e acesso libre ao público até cubrir aforo.

A primeira cita terá lugar no Centro Cívico do Castrillón este xoves, día 27, e contará co potente directo de Theta Waves e Shock, máis o debut do Indie acústico de Planeta Fugaz.

O outro "En Directo nos Barrios" será o venres 28 no Centro Cívico Os Rosales, e contará co Rock de Night Trip e máis do grupo gañador do último Festival Solidario Coruña En Directo, Crimson & Clover, ademais do Indie Rock de The Wonderminds, grupo participante na última edición do Festival Noroeste EG.


Share:

18 de out. de 2018

Listaxe definitivo de admitidos para o comezo da quenda semestral outubro 2018-novembro 2019

A continuación se publica a listaxe definitiva na solicitude de prazas para a quenda semestral de ensaios que dará comezo o vindeiro luns, 22 de outubro.


Os grupos admitidos foron convocados, nos enderezos de e-mail facilitados nas súas inscricións, á xuntanza de adxudicación de horarios.

Share:

4 de out. de 2018

Festival Solidario Coruña En Directo 14



A Sala O Túnel acollerá o vindeiro xoves 11 unha nova edición do Festival Solidario Coruña En Directo, a iniciativa musical que conta con grupos usuarios dos Locais de Ensaio municipais e cuxos beneficios se destinan a unha entidade social. Con esta cita serán 14 as ocasións nas que se celebre o evento, cuxo formato tamén tenta dar protagonismo a grupos que comezan a dar os primeiros pasos no eido musical, ademais de mostrar o traballo de bandas que comparten cartaz con proxectos de longa traxectoria, xa que algúns deles teñen participado en eventos tan potentes como o Festival Noroeste.

A sala, situada nos baixos do Coliseum, abrirá as súas portas a partires das 19.00 h para dar paso a diferentes estilos musicais, como o rock, pop, indie, metal, hip-hop ou música tradicional galega. En total, serán 5 horas de concerto nas que participarán 43 mozas e mozos de 10 grupos usuarios dos Locais: 011Studios, Chomoloco, Crimson & Clover, Dequenvessendo, Norwaves, Sala 5, Shock, Theta Waves, Tripod3 e Wondermind.

A proposta ten un claro carácter solidario, polo que os beneficios que se recaden da cita destinaranse ao Banco de Alimentos Rías Altas. A entrada, como é habitual, será de balde, polo que, para acceder á sala, o público deberá achegar un mínimo de 2 litros de leite. Para máis información, consulta nas redes sociais o cancelo #CoruñaEnDirecto.



Share:

1 de out. de 2018

Listaxe provisional de admitidos para a quenda semestra de ensaios outubro 2018 - marzo 2019


A continuación se publican as listaxes provisionais na solicitude de prazas para a quenda semestral de ensaios que comezará o 22 de outubro:
Unha vez publicada a listaxe provisional, ábrese un prazo de 10 días naturais desde a publicación, para que os/as interesados/as podan presentar as alegacións que estimen convintes. Finalizado este prazo, publicarase a listaxe definitiva. Os grupos que consten con solicitudes incompletas poderán enviar a documentación requerida ao enderezo de e-mail xuventude@coruna.es.

De existir algún grupo que, tendo presentada a súa solicitude en prazo, non apareza nesta listaxe, poderá porse en contacto cos Locais de Ensaio do Concello da Coruña no e-mail: locaisdensaio@gmail.com.

Todos os grupos que finalmente resulten aptos serán convocados mediante e-mail á xuntanza de adxudicación de horarios. Nela, como é costume, iranse repartindo os horarios dispoñibeis segundo a orde estipulada no regulamento interno, precisando a asistencia dun/dunha representante de cada grupo. Os grupos aptos que non asistan á xuntanza, xunto aos grupos cuxas solicitude fora enviada unha vez rematado o prazo ordinario de inscrición, conformarán a listaxe de agarda. Nela, ofertaranse por orde de solicitude os horarios que queden sen adxudicar.
Share:

12 de set. de 2018

A túa música, o teu local: Aberto novo prazo ordinario de inscrición



Os Locais de Ensaio do Concello da Coruña abren un novo prazo de inscrición para ensaiar nas súas instalacións durante o vindeiro semestre. Para inscribirse, deberase facilitar toda a documentación requerida ao enderezo electrónico: xuventude@coruna.es. As inscricións deberán adxuntar:

- Solicitude debidamente cuberta
- Fotocopia do DNI de todas as persoas integrantes do proxecto musical
- Certificado de empadroamento, con data de 2018, ou ben matrícula nun centro educativo da cidade para o curso 2018/2019 de, cando menos, o 50% dos/as integrantes do grupo
- Permiso do pai, nai, ou responsábel legal de todas as persoas menores de 18 anos, asinado e acompañado pola fotocopia do DNI da persoa que dá o permiso

Como atoparás nas bases de convocatoria, os requisitos para acceder aos ensaios son:

- Que cando menos a metade do grupo sexa menor de 30 anos
- Que cando menos a metade do grupo certifique vivir actualmente na Coruña, ou ben curse estudos nun centro educativo da cidade

O periodo de inscrición ordinario comprende desde o xoves 13 até o venres 28 de setembro ás 14.00 h CET. As solicitudes enviadas logo dese intre tramitaranse unha vez comezada a nova quenda de ensaios, formando eses grupos a listaxe de agarda por orde de recepción das solicitudes.

Os novos horarios darán comezo o luns 22 de outubro. A listaxe provisional de grupos admitidos publicarase o 3 de outubro, dando pé a un prazo de reclamacións e de presentación de documentación requerida que rematará o sábado 13 de outubro. A partires do 15 de outubro presentarase a listaxe definitiva de admitidos, convocando a (cando menos) un/unha representante de cada un deses grupos á xuntanza de asignación de horarios.

Share:

11 de abr. de 2018

Listaxe definitivo de admitidos para o comezo da quenda semestral abril-outubro 2018

A continuación se publica a listaxe definitiva na solicitude de prazas para a quenda semestral de ensaios que dará comezo o vindeiro 23 de abril.
 
Os grupos admitidos foron convocados, nos enderezos de e-mail facilitados nas súas inscricións, á xuntanza de adxudicación de horarios que terá lugar o venres 20 ás 20.00 h no Espazo de Iniciativas Xuvenís (r/ Matadoiro, 68).
Share:

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive