Hoxe presentouse en María Pita á prensa o festival "En Directo", que o día 23 levará ao auditorio do Fórum Metropolitano 11 dos grupos que ensaian nos locais de ensaio.
O evento dará comezo ás 19.30 h, e cada un dos grupos participantes terá 25 minutos para demostrar o seu traballo nos últimos meses. A orde de actuación virá marcada polo estilo musical de cada grupo, deixando para o final os grupos que máis intensidade repartan no escenario. Será un concerto moi variado, debido aos diversos estilos dos grupos: desde Rock & Roll a Viking Metal pasando polo Blues ou o Hard Rock.
Os convites poderanse recoller na conserxería do Fórum Metropolitano (de luns a sábado en horario de 08.00 a 21.00 h), no Centro Municipal de Información Xuvenil (de luns a venres de 10.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.00 h, e os sábado de 11.00 h a 14.00 h), ou nos mesmos locais de ensaio (como xa sabedes, de luns a sábado de 16.00 a 22.00 h e ademais os sábados de 11.00 a 14.00 h), a finais desta semana. Pero para poder acceder, ademais de posuir unha invitación, pediremos a achega dun produto de aseo persoal máis dous kilos de alimentos non perecedeiros a favor da Cociña Económica, e deste xeito contribuir coa súa causa neste duro inverno. Debido ás necesidades que teñen, compre que os produtos a doar sexan pastas, legumes ou conservas (no caso dos alimentos) e pasta de dentes, xel, xampú ou desodorizante.
Cada persoa poderá retirar un máximo de 3 convites e os cidadáns que non desexen achegar os produtos requeridos o día do festival, poderán deixalos nos locais de ensaio (até o xoves 22), acuñando o convite para permitir o acceso ao auditorio. Estade atentos ás nosas contas en facebook e tuenti e neste mesmo blogue, pois daremos o aviso de cando estean dispoñibeis as invitacións nos respectivos puntos de recollida.
Ademais de falar do festival, Francisco J. Mourelo (Delegado de Educación, Deportes e Xuventude do Concello) aproveitou para comentar o éxito dos locais de ensaio, nos que 123 usuarios e usuarias cubren todas as prazas divididas en 33 grupos, o que fará que desde o comezo de 2012 se habilite un novo horario (os domingos de 16.00 a 19.00 h) para sanear a pobrada listaxe de agarda do espazo municipal, alomenos até o novo cambio de quenda, que será en marzo.
0 comentarios:
Publicar un comentario