12 de dec. de 2011

Festival En Directo!! 23-12-2011


Hoxe presentouse en María Pita á prensa o festival "En Directo", que o día 23 levará ao auditorio do Fórum Metropolitano 11 dos grupos que ensaian nos locais de ensaio.

O evento dará comezo ás 19.30 h, e cada un dos grupos participantes terá 25 minutos para demostrar o seu traballo nos últimos meses. A orde de actuación virá marcada polo estilo musical de cada grupo, deixando para o final os grupos que máis intensidade repartan no escenario. Será un concerto moi variado, debido aos diversos estilos dos grupos: desde Rock & Roll a Viking Metal pasando polo Blues ou o Hard Rock.

Os convites poderanse recoller na conserxería do Fórum Metropolitano (de luns a sábado en horario de 08.00 a 21.00 h), no Centro Municipal de Información Xuvenil (de luns a venres de 10.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.00 h, e os sábado de 11.00 h a 14.00 h), ou nos mesmos locais de ensaio (como xa sabedes, de luns a sábado de 16.00 a 22.00 h e ademais os sábados de 11.00 a 14.00 h), a finais desta semana. Pero para poder acceder, ademais de posuir unha invitación, pediremos a achega dun produto de aseo persoal máis dous kilos de alimentos non perecedeiros a favor da Cociña Económica, e deste xeito contribuir coa súa causa neste duro inverno. Debido ás necesidades que teñen, compre que os produtos a doar sexan pastas, legumes ou conservas (no caso dos alimentos) e pasta de dentes, xel, xampú ou desodorizante.

Cada persoa poderá retirar un máximo de 3 convites e os cidadáns que non desexen achegar os produtos requeridos o día do festival, poderán deixalos nos locais de ensaio (até o xoves 22), acuñando o convite para permitir o acceso ao auditorio. Estade atentos ás nosas contas en facebook e tuenti e neste mesmo blogue, pois daremos o aviso de cando estean dispoñibeis as invitacións nos respectivos puntos de recollida.

Ademais de falar do festival, Francisco J. Mourelo (Delegado de Educación, Deportes e Xuventude do Concello) aproveitou para comentar o éxito dos locais de ensaio, nos que 123 usuarios e usuarias cubren todas as prazas divididas en 33 grupos, o que fará que desde o comezo de 2012 se habilite un novo horario (os domingos de 16.00 a 19.00 h) para sanear a pobrada listaxe de agarda do espazo municipal, alomenos até o novo cambio de quenda, que será en marzo.
Share:

26 de nov. de 2011

Master Class de Miguel Lamas (Crónica)


Hoxe na Sala O Túnel, Miguel Lamas demostrou a enorme técnica que ten para isto de tocar a batería. Todos os alí presentes desfrutaron das súas explicacións e demostracións, e intentou que a Master Class fose o máis participativa posíbel (incluido o "momento concurso" no que Manuel, dos Rockers in Black acertou a pregunta e levou o premio).

E como xa se sabía, Octavio Vargas e Iago Mouriño apoiaron as súas explicacións ao baixo e ao teclado. Ao final do evento, todos os asistentes tiveron a oportunidade de probar os novos modelos SANTAFE Miguel Lamas Signature.

Share:

16 de nov. de 2011

Master Class de Miguel Lamas


Un mes máis, achegámosvos a nosa proposta didáctico-musical, e desta vez, toca adentrarse no mundo da batería, da man de Miguel Lamas. Este Fenés de tan só 18 anos tenvos preparado unha clase na que falará dos seguintes temas:

• Papel da batería dentro dunha banda.
• Desenrolo e compresión dun tema (tratándoo de diferentes xeitos e deténdonos nas diferentes partes) de cada estilo e concepto de FUSIÓN (rock, jazz, funk...)
• A batería como solista.
• Métricas Irregulares. Amalgamas.
• Presentacións das novas baterías SANTAFE Miguel Lamas Signature.

E para axudalo, contará co bo saber facer de Octavio Vargas (Baixo eléctrico) e Iago Mouriño (Teclados), para axudar ás súas explicacións do xeito máis natural: tocando!!.

O evento terá lugar o sábado 26 de novembro, ás 11.00 h na Sala O Túnel do Coliséum. Se queres asistir, só tes que te inscribir seguindo estes pasos.

Share:

22 de out. de 2011

Master Class de Marcos Pin (Crónica)


Nunca na vida tivéramos a tanta xente metida dentro dunha das nosas salas de ensaio, pero a ocasión o merecía. Marcos Pin demostrou que, ademais de ser un músico excepcional, sábese facer entender coma poucos neste mundillo e, de seguro, os 15 guitarristas (máis un baixista) asistentes sacaron cousas en claro, ademais de levarse deberes para casa.

Para o vindeiro mes témosvos preparado outro prato forte, pois virá Miguel Lamas, acompañado por Octavio Vargas e Iago Mouriño, a ofertarnos outra master class, esta vez sobre a batería dentro da música moderna. Estade atentos a este blogue, pois nas vindeiras semanas abriremos o prazo de inscrición.

Share:

5 de out. de 2011

Master Class de Marcos Pin


O día 22 temos axendada outra master class, neste caso de guitarra. Contaremos coa presenza de Marcos Pin, outro grande talento do noso país, que dividirá o evento en dúas partes tratando os seguintes temas:

* Primeira parte:
         - Desglose e desmitificación da armonía Pop-Rock.
         - Tríadas maiores, menores, aumentadas e diminuidas: uso común e enbelecemento en Funk-Blues.

* Segunda parte:
         - Escala "orixinal do Blues"
         - Desglose da escala "orixinal do Blues": Cells, acordes ("sweep").
         - Construcción de Riffs e Ostinatos.
         - Cómo practicar para obter os mellores resultados: sistemas e técnicas.

Non sabedes quen é Marcos Pin? Podedes ir á súa páxina web e coñecer máis sobre os seus estudos, proxectos, ...

A master class terá lugar na Sala O Túnel do Coliséum, ás 11.00 h., e coma sempre é de balde. Só tedes que vos inscribir seguindo estes pasos.


Share:

24 de set. de 2011

Obradoiro de edición e xestión de autores (crónica)


Hoxe pola mañá tivemos un obradoiro dos máis importantes que levamos ofertado en todo este tempo. Sergio Lago introduciunos en temas que os músicos (polo xeral) descoñecen, ademais de odialos, pero que a día de hoxe debido á necesidade de autoxestión da maioría dos proxectos musicais, son coñecementos moi necesarios, ainda que en certa medida obriguen aos propios músicos a saber certos procedementos legais que están moi lonxe do seu traballo coma músico.

Falouse (e moito) de como funciona o sistema de recadación de dereitos, das distintas opcións que ten un músico para protexer a súa obra, importancia dunha loxística dentro do grupo, ... e todos estes temas deron lugar a un coloquio entre todos os asistentes sobre a situación legal do músico.

O vindeiro mes contaremos coa presenza de Marcos Pin, que nos ofrecerá unha master class de guitarra moi recomendábel.

Share:

14 de set. de 2011

Obradoiro de edición e xestión de autores


Primeiro formades un grupo, compoñedes uns temas, reunides algúns cartos tocando en salas pequenas e bares e decidides gastar eses cartos en gravar nun estudio. E logo qué?

Da man da xente da editora Coruñesa Autoedita, aprenderedes todos os coñecementos precisos para xestionar e difundir, segundo as vosas necesidades, o voso traballo musical.

Este obradoiro permitiravos coñecer de primeira man as diferenzas que aportan os distintos formatos de edición tendo en conta o voso obxetivo, cómo distribuir o voso traballo, marco legal respecto a xestión de autores, licenzas e rexistro da propiedade intelectual, e (sobre todo!) que vos respondan ás (moitas) dúbidas que tedes ao respecto.

Terá lugar o sábado 24 de setembro, ás 11.00 h, na Sala O Túnel do Coliséum. Coma sempre, é de balde!, únicamente teredes que inscribirvos previamente (bulide a facelo, as prazas son limitadas!!).
Share:

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive