2 de abr. de 2011

Obradoiro de contratación de músicos (Crónica)


Hoxe visitounos a Xunta Directiva ao completo da Asociación Músicos ao Vivo, que lles introduciu a todos e a todas os asistentes as cuestións que se ían tratar: Profesionalidade do/a músico, xeitos de xestionar o cobro do traballo como músico, asociacións de músicos, ...

O obradoiro foi participativo, o que fixo que a xente marchara do Coliséum coas dúbidas sobre o tema resoltas.

Para o vindeiro mes voltaremos con outro obradoiro, que tratará técnicas de canto. Estade atentos/as ao blogue, para cando se abra o periodo de inscricións.
Share:

1 de abr. de 2011

Achegarte!


Este fin de semana terá lugar no Palexco o Achegarte, feira cultural onde teñen cabida todo tipo de artes: AudiovisualLiteratura, TeatroMúsica, ... e actividades como Obradoiros, Charlas, ...   

Desde os locais de ensaio tamén poñemos a nosa pedriña, e os dous grupos de música instrumental que temos neste momento ensaiando aquí (Os da Troula e Cygnus) estarán no escenario o domingo a partir das 16.30 h.

Ah!, como se pode ver no cartaz... É de balde!!
Share:

23 de mar. de 2011

Temario do obradoiro


Para irdes abrindo boca, estes son os temas que se van tratar no obradoiro do día 2:

1.- Movemento asociativo en Galiza

- Historia. Outros movementos asociativos anteriores
- A asociación Músicos ao Vivo. Breve descrición, obxectivos e servizos. Necesidade de apoios
- O futuro destes movementos. Profesionalización

2.- Consideración legal dos músicos

- A actividade do músico: un traballo.
- Consideración de traballador/a por conta allea
        + Dereitos e Obrigas (Desemprego...)
- Responsabilidade nas obrigas fiscais e laborais: o/a Empresario/a
        + A consideración de Empresario/a
        + Obrigas
        + Subcontratación

3.- Contratación dos músicos

- A factura. Diferenza con outros documentos (recibí).
- Fórmulas para poder emitir factura:
        + Contratación por un terceiro (manager, productora, ...)
        + Formas societarias (C.B., S.L., S.A., ...)
        + Autónomos
        + Persoa física

- As cooperativas de músicos
        + Clases e funcionamento
        + Vantaxes para o músico
        + Vantaxes para o promotor

- Exemplos de factura
        + Salario
        + Gastos da actividade
        + S.S. (Tarifas 2011. Tramos)
        + IRPF
        + IVE (mecanismo para recuperalo)

- Outros documentos de interese
        + Contrato laboral (clausulas máis importantes)
        + Declaración de plantel


4.- Rolda de intervencións dos asistentes


A meirande parte destes conceptos explicaranse moi resumidos, de xeito que o obradoiro sexa o máis atractivo posíbel para as persoas asistentes. Resaltamos a importancia da rolda de intervencións, para que expoñades os vosos casos, ou as dúbidas que vos poidan xurdir sobre o tema.

E recordade que é de balde, as prazas son limitadas, e tedes que vos inscribir seguindo estes pasos. O periodo de inscrición rematará o venres 1, ás 20.00 h.
Share:

15 de mar. de 2011

Obradoiro de contratación de músicos


Hoxe abrimos o prazo de inscrición do obradoiro mensual dos locais. Tratará un tema tan importante como descoñecido: a consideración legal do/a músico.

Desde os locais de ensaio, damos moita importancia a que os grupos poidades ter os coñecementos precisos neste tipo de temas, que axudan á autoxestión dos vosos proxectos musicais, tomando consciencia dos dereitos que vos pertencen ao tocardes nun evento público e a que sexades capaces de conseguirdes a meirande rendibilidade posíbel.

Para impartir este obradoiro do xeito máis claro e práctico posíbel, contaremos cos/as membros da Asociación Músicos ao Vivo, que van estar connosco o vindeiro 2 de abril, ás 11.00 h na Sala O Túnel.  E, coma sempre ... é de balde, con prazas limitadas até completar aforo, e terán preferencia os usuarios e usuarias dos locais (ainda que animamos a todas e todos os músicos interesados a asistiren!!). Para inscribirte, segue os pasos que podes atopar aquí.
Share:

11 de mar. de 2011

Detrás da canción


Como se compón unha canción de pop? Como se poden aproveitar as novas tecnoloxías para gravala e compartila co resto do mundo? A estas cuestións intenta responder a actividade 'Detrás da canción', na que integrantes dos grupos de pop galego Projecto Mourente e The Homens dan a coñecer a trastenda do proceso creativo.

‘Detrás da canción’ pretende, por unha parte, demostrar que compoñer cancións e plasmalas é algo doado e que calquera pode facer cunha mínima calidade; e, por outra, mostrar como o galego é un idioma tan válido coma calquera outro para a expresión musical de masas.

Día: 18 de marzo de 2011

18.00 h - Obradoiro de creación musical, dirixido a rapaces/as de 14 a 30 anos, que terá lugar no telecentro da biblioteca González Garcés.
As inscricións poden realizarse na web http://www.detrasdacancion.info/ (capacidade limitada).

20.00 h - Concerto acústico no Auditorio do Fórum. Entrada de balde, até completar a capacidade.



Share:

3 de mar. de 2011

Almakoa




Almakoa xorde debido aos días de surf con guitarras e amigos. Predomina o estilo suave, fluído, tranquilo e alegre, con sons acústicos e ritmos que intentan extraerte da vida na cidade. Ao mesmo tempo, intentan construir un espazo a través do blog http://www.vientosurf.blogspot.com/, onde a música, a fotografía, o surf e a natureza están presentes día a día.

Almakoa entrará no estudio de gravación dos locais de ensaio nas vindeiras semanas, o que significa que en pouco tempo teredes a oportunidade de escoitardes a súa música.

Share:

19 de feb. de 2011

SORTE!!


Este luns, día 21, convocamos a un/unha representante de cada un dos grupos que solicitaron praza no periodo estabelecido para escoller horario de ensaio para a quenda semestral que comezará 7 días despois. Así pois, requerimos a presenza de:

- Incineración.
- LS Delorean.
- Head Diamonds.
- Dubra.
- Bad Road.
- Light Emitting Diode.
- Sen determinar.
- Jamakuko.
- Geody.
- After All.
- Muertos Vivientes O Infectados.
- Almakoa.
- Cygnus.
- Drinking Zaps.
- Warning!.
- Arquitects of Destruction.
- Avézar.
- Carretera Comarcal.
- Löl.
- Venus on Fire.
- Adrián López Bellas.
- The Zipper.
- Fouce.
- Distrito 81.
- Extretxez Demente.
- Sunshine Revolution.
- Devastating Defeat.
- Los Otros.
- Savage Utopia.
- Os da Troula.
- Caminos Cruzados.

Os grupos que presentaron a solicitude a partir do 15 de febreiro  forman a listaxe de agarda e, cando queden ocos baleiros no horario dos locais de ensaio, contactarase con eles. Animamos a todos os grupos que cumpran  os requisitos a presentaren a solicitude no CMIX do Parque Europa o máis axiña posíbel, ou contactaren connosco en locaisdensaio@gmail.com
Share:

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive