4 de maio de 2011

Obradoiro de Scratching


Moita xente pensa que é fácil a tarefa dun DJ. Obviamente, non só están a pinchar cancións unha detrás doutras, senón que se teñen que concentrar e posuíren coñecementos de métrica musical, de tempo e de como poden manipular o son ou o ritmo dunha gravación facendo Scratching, Backspinning, beat-juggling, ...

Sonderskooler e Whizcutz son dous membros da DJ-Crew Cut´zN´Mouse (Mannheim, Alemaña) e conducirán este obradoiro en que explicarán os conceptos basicos do DJing parándose nas diversas técnicas de Scratching, ademais de nos presentaren as posibilidades que o universo dixital abre neste campo.

Sonderskooler é un versatil DJ que traballa na Vibra DJ School en Heidelberg, Alemaña, e adoita realizar obradoiros para xente de todas as idades e niveis musicais, ademais de actuar en concertos en directo; mentres que Whizcutz é un compositor, técnico de son e produtor inmerso nunha gran multitude de proxectos musicais, que o levan desde a tocar en directo cun grupo de Jazz electrónico até facer os seus propios remixes.

Este obradoiro está deseñado para calquera persoa interesada no tema, non tes que ser DJ para o aproveitares. Vai ter lugar o sábado 21, ás 11.00 h, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (rúa Matadoiro, 68, preto da Domus). E, como sempre, é de balde! Só tes que te inscribires.



Share:

30 de abr. de 2011

Obradoiro de canto (crónica)


Hoxe pola mañá contamos coa visita de Carmen Rey para falarnos de respiración, articulación, impostación, e demáis apartados da educación vocal.

Os asistentes, que literalmente enchían o escenario da Sala O Túnel, desfrutaron do xeito participativo co que Carmen impartiu a clase, que fixo que todos puideran achegarse ao micro e recibir unha serie de consellos para  mellorar as súas técnicas de canto.

O vindeiro mes adiantaremos para o día 21 o obradoiro, que tratará o curioso mundo do scratching.

                                                                fotos: Raúl G. Doldán
Share:

11 de abr. de 2011

Obradoiro de canto con Carmen Rey


Queda aberto o prazo de inscrición para o obradoiro que, este 30 de abril ás 11.00 h na Sala O Túnel, adicaremos á técnica de canto.

Impartido por Carmen Rey, unha das mellores voces do país quen, ademáis de ser profesora de canto, improvisación e linguaxe musical, ten varios proxecto musicais entre o que hai que destacar Carmen Rey Grupo, onde a atopamos ben arroupada por músicos da talla de Sergio Delgado, Miguel Cabana, Tito Calviño, ...

A aqueles que vos interese, mandade a inscrición o máis axiña posíbel, pois as prazas para este obradoiro son moi limitadas!! Como sempre, é de balde e terán prioridade para asistir os usuarios e usuarias dos locais de ensaio, ainda que de non cubrir todas as prazas podería asistir calquer cidadán.
Share:

4 de abr. de 2011

Os da Troula e Cygnus no Achegarte


Onte, dous dos grupos que ensaian nos locais puxeron da súa parte nesa gran mostra da cultura que facemos neste recunchiño do planeta, o Achegarte. É de agradecer que a Concellaría de Cultura nos deixase formar parte da "festa" e compartir escenario con xente que leva anos debaixo dos focos como Luar na Lubre, Silvia Penide e un amplo etcétera.

Comezaron Os da Troula, mostrando a súa visión da música tradicional galega; festeiros e con ganas de divertiren o público asistente (cousa que conseguiron).

E, seguidamente, os Cygnus subiron ao escenario, sen tempo nin para proba de son e, xa desde os primeiros compases, demostraronlles ás persoas asistentes o poderoso do seu son.

Ambos os grupos deixaron o público con ganas de máis (que insistía pedindo algún bis) mais para iso cumprirá estarmos atentos e atentas aos vindeiros concertos que estes grupos dean.

Share:

2 de abr. de 2011

Obradoiro de contratación de músicos (Crónica)


Hoxe visitounos a Xunta Directiva ao completo da Asociación Músicos ao Vivo, que lles introduciu a todos e a todas os asistentes as cuestións que se ían tratar: Profesionalidade do/a músico, xeitos de xestionar o cobro do traballo como músico, asociacións de músicos, ...

O obradoiro foi participativo, o que fixo que a xente marchara do Coliséum coas dúbidas sobre o tema resoltas.

Para o vindeiro mes voltaremos con outro obradoiro, que tratará técnicas de canto. Estade atentos/as ao blogue, para cando se abra o periodo de inscricións.
Share:

1 de abr. de 2011

Achegarte!


Este fin de semana terá lugar no Palexco o Achegarte, feira cultural onde teñen cabida todo tipo de artes: AudiovisualLiteratura, TeatroMúsica, ... e actividades como Obradoiros, Charlas, ...   

Desde os locais de ensaio tamén poñemos a nosa pedriña, e os dous grupos de música instrumental que temos neste momento ensaiando aquí (Os da Troula e Cygnus) estarán no escenario o domingo a partir das 16.30 h.

Ah!, como se pode ver no cartaz... É de balde!!
Share:

23 de mar. de 2011

Temario do obradoiro


Para irdes abrindo boca, estes son os temas que se van tratar no obradoiro do día 2:

1.- Movemento asociativo en Galiza

- Historia. Outros movementos asociativos anteriores
- A asociación Músicos ao Vivo. Breve descrición, obxectivos e servizos. Necesidade de apoios
- O futuro destes movementos. Profesionalización

2.- Consideración legal dos músicos

- A actividade do músico: un traballo.
- Consideración de traballador/a por conta allea
        + Dereitos e Obrigas (Desemprego...)
- Responsabilidade nas obrigas fiscais e laborais: o/a Empresario/a
        + A consideración de Empresario/a
        + Obrigas
        + Subcontratación

3.- Contratación dos músicos

- A factura. Diferenza con outros documentos (recibí).
- Fórmulas para poder emitir factura:
        + Contratación por un terceiro (manager, productora, ...)
        + Formas societarias (C.B., S.L., S.A., ...)
        + Autónomos
        + Persoa física

- As cooperativas de músicos
        + Clases e funcionamento
        + Vantaxes para o músico
        + Vantaxes para o promotor

- Exemplos de factura
        + Salario
        + Gastos da actividade
        + S.S. (Tarifas 2011. Tramos)
        + IRPF
        + IVE (mecanismo para recuperalo)

- Outros documentos de interese
        + Contrato laboral (clausulas máis importantes)
        + Declaración de plantel


4.- Rolda de intervencións dos asistentes


A meirande parte destes conceptos explicaranse moi resumidos, de xeito que o obradoiro sexa o máis atractivo posíbel para as persoas asistentes. Resaltamos a importancia da rolda de intervencións, para que expoñades os vosos casos, ou as dúbidas que vos poidan xurdir sobre o tema.

E recordade que é de balde, as prazas son limitadas, e tedes que vos inscribir seguindo estes pasos. O periodo de inscrición rematará o venres 1, ás 20.00 h.
Share:

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive