22 de out. de 2015

Listaxe definitiva de admitidos para a quenda semestral outubro-marzo

A continuación se publica a listaxe definitiva na solicitude de prazas para a quenda semestral que comezará o vindeiro luns, 26 de outubro.

Os grupos admitidos foron convocados, nos enderezos de e-mail facilitados nas súas solicitudes, á xuntanza de adxudicación de horarios que terá lugar na tarde do venres, 23 de outubro, ás 19.00 h na Sala de Prensa do Coliséum (acceso pola porta 12).
Share:

15 de out. de 2015

Obradoiro de Expresión Corporal (crónica)


 Hoxe tivemos unha divertida e instructiva tarde no Espazo de Iniciativas Xuvenís. Daniel Currás explicou aos/ás asistentes como, co adecuado vestiario e variando certas posturas do noso corpo, conseguimos unha interpretación máis veraz. O fin deste obradoiro era mellorar a expresión corporal mentres se está enriba do escenario, e para conseguilo, todos os/as asistentes tiñan que traer aprendido un breve monólogo sacado de Blade Runner. As interpretacións de cada un/unha foron gravadas en cámara, e proxectadas para ver como cambia nos ollos do público ver un/unha artista segura de sí mesmo/a, e cunha mensaxe definida, a cando se deixa todo á improvisación.

As risadas, e máis o bo ambiente, predominaron durante toda a acción formativa. Estamos seguros que alguén hoxe vai soñar coa porta de Tannhäuser e máis con Raios C.
Share:

7 de out. de 2015

Listaxe provisional de admitidos para a quenda semestral outubro 2015-abril 2016

A continuación se publican as listaxes provisionais na solicitude de prazas para a quenda semestral de ensaios que comezará o 26 de outubro.


Unha vez publicada a listaxe provisional, abrese un prazo de 10 días naturais, desde a publicación, para que os interesados podan presentar as alegacións que estimen convintes. Finalizado este prazo, publicarase a listaxe definitiva. Os grupos que consten con solicitudes incompletas poderán achegar a documentación requerida nos rexistros municipais en horario de 08.00 a 14.00 h (agás no de Novo Mesoiro, que abre ás 09.00 h), ou o sábado 10, de 09.00 a 13.00 h, nos rexistros de María Pita e do Fórum Metropolitano. Esta documentación tamén se poderá entregar de xeito telemático a través da sede electrónica. O prazo rematará, en ambos casos, o venres 16 ás 14.00 h CET.

De existir algún grupo que, tendo presentada a súa solicitude en prazo, non aparezan aptos nesta listaxe, poderán porse en contacto cos Locais de Ensaio do Concello da Coruña no e-mail: locaisdensaio@gmail.com

Todos os grupos que finalmente resulten aptos estarán convocados á xuntanza de adxudicación de horarios. Nela, como é costume, iranse repartindo todos os horarios dispoñibeis segundo a orde estipulada no noso regulamento interno, precisando un representante de cada grupo (no caso de non respostar no momento en que lle toque, ese grupo irá por orde para a listaxe de agarda).
Share:

6 de out. de 2015

Obradoiro de expresión corporal no escenario

Cantas veces marchaches dun concerto coa sensación de que o grupo tocaba moi ben, pero non acabaches de meterte no seu roio?. Notas que co teu grupo pode pasar o mesmo?. Este obradoiro vai dirixido a integrantes de grupos musicais que queran mellorar a súa presenza no escenario e a súa linguaxe corporal.

Daniel Currás recalcará a importancia de incorporar o corpo á actuación, controlar o espazo onde actúas, e en base a iso, falarase de:

- Interpretación
- Imaxe e mensaxe
- O grupo e a individualidade
- Improvisación
- A importancia do xesto

O evento terá lugar o xoves 15 de outubro, ás 19.00 h, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (rúa Matadoiro, 68. Preto da Domus). Para inscribirte só tes que cubrir o formulario que tes á túa dereita, un e-mail informarache da túa situación, xa que teñen preferencia os usuarios e máis as usuarias actuais dos Locais de Ensaio, e despois os menores de 30. O prazo de inscrición rematará o martes 13 ás 21.00 h.
Share:

Incrición obradoiros ou masterclasses

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive