4 de out. de 2018

Festival Solidario Coruña En Directo 14



A Sala O Túnel acollerá o vindeiro xoves 11 unha nova edición do Festival Solidario Coruña En Directo, a iniciativa musical que conta con grupos usuarios dos Locais de Ensaio municipais e cuxos beneficios se destinan a unha entidade social. Con esta cita serán 14 as ocasións nas que se celebre o evento, cuxo formato tamén tenta dar protagonismo a grupos que comezan a dar os primeiros pasos no eido musical, ademais de mostrar o traballo de bandas que comparten cartaz con proxectos de longa traxectoria, xa que algúns deles teñen participado en eventos tan potentes como o Festival Noroeste.

A sala, situada nos baixos do Coliseum, abrirá as súas portas a partires das 19.00 h para dar paso a diferentes estilos musicais, como o rock, pop, indie, metal, hip-hop ou música tradicional galega. En total, serán 5 horas de concerto nas que participarán 43 mozas e mozos de 10 grupos usuarios dos Locais: 011Studios, Chomoloco, Crimson & Clover, Dequenvessendo, Norwaves, Sala 5, Shock, Theta Waves, Tripod3 e Wondermind.

A proposta ten un claro carácter solidario, polo que os beneficios que se recaden da cita destinaranse ao Banco de Alimentos Rías Altas. A entrada, como é habitual, será de balde, polo que, para acceder á sala, o público deberá achegar un mínimo de 2 litros de leite. Para máis información, consulta nas redes sociais o cancelo #CoruñaEnDirecto.



Share:

Incrición obradoiros ou masterclasses

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive